Mero

XULIO XIZ

VILALBA

11 dic 2023 . Actualizado a las 18:52 h.

A inmensa maioría de quen esto lea sabe que, se falo de Mero, refírome a Baldomero Iglesias do Barrio, vilalbés que se fixo mestre e afincouse en Mesía para ensinar, formar familia, escribir, compoñer, e proclamar urbi et orbi amor pola cultura, devoción pola Terra Chá, entrega por Galicia e querencia especial pola terra que o acolleu, á que pertence e enaltece. Primeiro foi cantor (Fuxan os Ventos e A Quenlla son probas irrefutables), logo músico (e quen cante «O Carro», de Manuel María, está cantando música de Mero, e o Manuel xa dicía que non estaba completo o poema sen o son que Mero lle asignou), e por fin poeta, con milleiros de poemas, galegos no ser e no sentir, sensibles, vibrantes, con alma.

Mero pon en todo o que fai alma, corazón e vida, e deso somos beneficiados cantos andamos ao seu arredor e compartimos querencias e ansias. E se a vida a ten compartida con Loreto e a súa ampla familia, a alma e o corazón están entregadas a dúas terras que o sosteñen e o inspiran: Vilalba e Mesía; dúas chairas medidas por ferrados de corazón e fanegas de alma. Anda agora o Obradoiro da Historia teimando por que Mero sexa declarado Fillo Adoptivo do Concello de Mesía, e agarda que os amigos de Mero —institucións e particulares— apoiemos a petición que van formular ao Concello para que se lle conceda esta distinción. Quen opine, como opinamos moitos, que Mero merece ese nomeamento non ten máis que mandar un correo a obradoirodahistoria@gmail.com. Mero non di nada, pero déixase querer, como teñen que facer os merecentes de agasallo e teñen preto xente sensible que sabe o que hai que facer.