Co deseño gañamos todos

Óscar Otero OPINIÓN ÓSCAR OTERO

MERCADOS

08 abr 2018 . Actualizado a las 04:45 h.

Se falamos de fitos do deseño galego, temos necesariamente que falar da DAG que, dende a súa fundación hai 12 anos, non deixou de traballar na promoción do deseño como unha parte fundamental da cultura, da industria e da sociedade galega.

O noso primeiro gran fito foi o de non morrer. Parece fácil, pero houbo tentativas anteriores que, por un ou outro motivo, non chegaron a frutificar. Supoño que soubemos aprender dos erros.

O segundo foi crear un evento de referencia: o FEED. Un espazo de reflexión, aprendizaxe e intercambio que, co tempo, se tornou nunha cita indispensable para profesionais, estudantes e persoas interesadas no deseño.

E o terceiro foi colaborar con outras asociacións, como a READ (Rede Española de Asociacións de Deseño), onde xunto a asociacións de toda España, traballamos para alcanzar obxectivos comúns. Un exemplo foi formar parte da histórica xornada parlamentaria para debater a situación actual do deseño en España e as medidas que a Administración pode emprender para a creación dunha estratexia nacional de deseño.

Tamén estamos no Clúster da Comunicación Gráfica, traballando na consolidación dos premios Paraugas de deseño, márketing e comunicación de Galicia. Ou no BEDA, organismo a nivel europeo para promover o valor do deseño e a innovación na economía europea.

Pero xa está ben de falar do que somos ou fixemos. O que nos interesa son os desafíos que temos por diante, e traballar para convertelos tamén en fitos:

O primeiro sería conseguir que en Galicia as empresas e institucións vexan o deseño como un investimento e non como un gasto. O deseño non ten por que ser elitista nin estar reservado unicamente a produtos de alta gama. A calquera empresa que faga un uso do deseño serio, responsable e centrado no usuario final, vaille ir moito mellor que a outra que non o faga.

O segundo é que as empresas que xa apostan actualmente polo deseño, o fagan por profesionais de aquí. Estamos vivindo unha época dourada do deseño galego, nunca antes houbo tantos profesionais traballando a un nivel tan alto, gañando premios nacionais e internacionais. Moitas grandes empresas seguen mirando máis para o que se fai fóra, sen decatarse de que hoxe en día o talento de aquí non ten nada que envexar.

E por último, conseguir que as institución públicas e privadas valoren realmente o traballo dos profesionais. Lamentablemente séguense facendo concursos de contratación onde se pide o traballo rematado para decidir quen gaña o concurso e ten «dereito» a cobrar por ese traballo feito. Este tipo de prácticas especulativas que non traen máis que precariedade e mediocridade seguen a ser populares. É unha mágoa porque existen alternativas de contratación moito máis xustas, éticas e que aproveitan mellor o talento, só fai falla poñelas en práctica.

Como se pode ver, aínda queda bastante por facer. Estamos convencidos de que unha aposta clara polo deseño serviría tamén para moldear unha sociedade máis moderna, inclusiva e avanzada. Porque ao final diso trata o deseño, de conseguir o mellor produto, a mellor experiencia, a mellor comunicación para todas as persoas. Para ti tamén.