Verónica Bolón, enxeñeira informática: «En Galicia temos grupos punteiros de investigación en intelixencia artificial»

MERCADOS

CEDIDA

Profesora e investigadora da UDC, esta carballesa indaga na IA verde, que desenvolve algoritmos máis respectuosos co medio ambiente, sen que afecte aos resultados. Vén de recibir o premio Ada Byron, que outorga o Colexio de Enxeñeiros en Informática de Galicia, polos seus traballos neste campo; e defende que non pode haber IA sen intelixencia humana

16 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Verónica Bolón Canedo (Carballo, 1984), enxeñeira e doutora en informática pola Universidade da Coruña (UDC), sempre lle gustou aprender. Conta que de nena, seus pais nunca lle tiveron que insistir en que estudara. Esta profesora do departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC e investigadora no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) tivo unha estancia de posdoutoramento na Universidade de Manchester (Reino Unido) en 2015. A súa tese, sobre os métodos de aprendizaxe automática, valeulle varias distincións da Asociación Española para la Inteligencia Artificial, e o premio extraordinario de doutoramento da UDC. Este ano recibiu o premio Ada Byron , do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.

—Por que se decantou pola rama científico-tecnolóxica?

—Eu non tiña unha vocación clara por ningunha carreira, pero o que si tiña claro é que era de ciencias. O que non foi tan doado foi decidir que carreira escoller... Puxen de primeira opción Enxeñería de Telecomunicacións, e cursei o primeiro ano na Universidade de Vigo. Máis ou menos na metade do curso deime conta de que iso non era para min. Foi moi duro porque no momento sentíao coma un fracaso, pero decidín ser valente e cambiar a algo que me gustara máis. Sempre o conto cando dou charlas en institutos, non temos que ter medo a equivocarnos, sempre se pode rectificar, é normal non ter unha vocación clara, non pasa nada.

—A informática lígase á programación e iso vese algo gris...

—A programación é unha parte moi importante da informática, pero tamén é importante ter coñecementos transversais, coma en todas as enxeñarías, como matemáticas, física, electrónica... Unha parte moi importante da informática é o pensamento computacional, que é a habilidade de pensar como resolver problemas, por exemplo por medio de algoritmos. E a enxeñaría informática hoxe en día é moito máis ca programar; é a capacidade de resolver todo tipo de problemas por medio dos ordenadores.

—Recibiu o premio Ada Byron, matemática británica de comezos do século XIX. Que supón e quen foi o seu referente feminino?

—Que o premio se chame Ada Byron é algo moi especial para min, pois é considerada a nai da informática, xa que creou unha máquina que se pode ver como a precursora dos ordenadores. Pero non vou mentir e dicir que Ada Byron, ou nin sequera Marie Curie, foron os meus referentes femininos para decantarme polas ciencias. Se hoxe en día aínda non hai moitos referentes femininos que se estuden nas aulas, hai vinte anos aínda era peor.

—Destaca o seu traballo polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas. Por que?

—Estudei unha carreira na que hai un 12 ou 13 por cento de mulleres. A min nunca me afectou iso, nunca pensei que non puidera facela por ser muller, pero son consciente de que é un problema e gústame facer o que está na miña man para solucionalo. Non se trata de querer que todas as mulleres sexan enxeñeiras informáticas, trátase de facer que coñezan a profesión e se libren de estereotipos, e escollan en liberdade. É unha disciplina moi interesante, que che permite interactuar con outras áreas, resolver problemas de todo tipo, e é unha pena que esteamos perdendo a metade do talento.

—En que consiste o proxecto Inspira STEM, no que participa?

—É un proxecto que nace hai uns anos na Universidade de Deusto e que se leva a cabo en distintas provincias de España e incluso nalgún país de Latinoamérica. Consiste en acercar a mulleres (e homes) profesionais dalgunha disciplina STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) a centros educativos con alumnado de 6.º de Primaria ou 1.º da ESO, para traballar sobre o que son as STEM, reflexionar sobre estereotipos de xénero, dar a coñecer mulleres referentes, etcétera.

—Vostede investiga sobre intelixencia artificial (IA), que vertente?

—A miña liña de investigación principal actualmente é a IA verde, que consiste en desenvolver algoritmos que sexan máis respectuosos co medio ambiente e sigan obtendo bos resultados. Non é algo que todo o mundo saiba, pero a IA pode chegar a ser moi contaminante. Por exemplo, estímase que unha única sesión de adestramento de ChatGPT (a fase onde aprende dos datos), consume tanta enerxía coma 126 fogares daneses nun ano.

—En que fase está a IA e que ten que dicir a investigación galega?

—Agora, a IA está moi de moda, e estanse conseguindo avances inimaxinables. Isto é debido á potencia computacional dos ordenadores, unido á gran dispoñibilidade de datos que temos, e tamén a que se está investindo moito diñeiro e recursos por parte das grandes empresas tecnolóxicas. En Galicia temos un ecosistema moi potente en investigación en IA, con grupos de investigación punteiros que levan décadas traballando neste campo e tamén empresas que desenvolven ou empregan IA no seu funcionamento. Proba disto foi a decisión do Goberno de levar a sede da AESIA (Axencia Española de Supervisión da IA) para A Coruña.

—Que pensa cando ve a todo o mundo probando a usar ChatGPT?

—A min, como usuaria, tamén me impresionou e me impresiona moito ChatGPT. Foi un gran avance que a maioría de nós non nos esperabamos tan pronto. Cando vexo á xente usar estas ferramentas de IA alégrome de que se volva algo máis cotián, máis para toda a sociedade.

 —Ve riscos no uso da IA?

—Como é unha tecnoloxía que aínda non está regulada, hai certos riscos. Vin casos de xente que lle pide a ChatGPT que lle faga unha dieta para adelgazar, o cal me parece superperigoso. Tamén sería perigoso utilizar sistemas de IA para tomar decisións que afecten aos dereitos fundamentais das persoas, como decidir a que paciente se lle prioriza un tratamento ou a que cliente se lle ofrece un préstamo. Por iso é tan necesaria unha regulación que controle estes aspectos e se asegure de que a IA non discrimina e non viola os dereitos da cidadanía.

—Como docente, detectaría un traballo feito mediante IA?

—ChatGPT é moi bo para programar, entón somos conscientes de que o alumnado o vai utilizar, e o que fixemos foi adaptar a forma de avaliar. No caso da programación é moi difícil detectar que foi feito por unha IA, pero no caso de texto escrito xa detectei casos de alumnos que utilizaran ChatGPT, pois usa unha linguaxe moi particular.

—En que papel queda a intelixencia humana?

—Na miña opinión, non pode haber intelixencia artificial sen intelixencia humana. É certo que hai campos específicos nos que a IA é capaz de superar as habilidades humanas (o que se chama IA estreita), pero por agora aínda non chegamos a conseguir a IA xeral, que sería máis parecida á intelixencia que temos os humanos, que somos bos en moitas tarefas diferentes. Polo momento, a IA depende totalmente dos humanos, tanto para programar os algoritmos que hai detrás, como para subministrarlle os datos dos que aprende, e para supervisar e interpretar os resultados. E eu creo que así debería ser sempre.