Adeus a Amancio, o profesor que daba clases na natureza e namorou das herbas de San Xoán

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

OBITUARIOS

Amancio Castro, que faleceu en Pontevedra aos 76 anos de idade.
Amancio Castro, que faleceu en Pontevedra aos 76 anos de idade. RAMON LEIRO

Natural de Pontevedra, dende pequeno escapaba da casa para buscar angulas no río Rons. Xa de maior, foi un baluarte de Vaipolorío, un colectivo medioambiental que chora a súa morte

16 nov 2023 . Actualizado a las 21:04 h.

Se as flores, os peixes, as herbas ou os paxaros puidesen, serían eles os que deberían escribir que morreu Amancio Castro Fernández, veciño de Pontevedra. Porque Amancio, en realidade, era un deles. Pura natureza, foi un aliado perenne dos nosos ríos, dos nosos bosques... do noso verde. Profesor pioneiro e revolucionario, este home era un dos baluartes do colectivo medioambiental Vaipolorío, que hoxe chora a súa morte. Tiña 76 anos. E marcha, como di o presidente desta asociación, «como unha alegoría cromática de outono». 

Amancio foi neno na rúa Real de Pontevedra. Pero, xa de cativo, como contaba hai anos nunha entrevista en La Voz de Galicia, escapaba da casa para ir ata as Xunqueiras de Alba para intentar pescar angulas no río Rons, que daquela abundaban. Contaba el, con ese entusiasmo e mirada de neno que nunca perdeu, que cando chegaba a casa a familia lle mandaba tirar canto traía do río. Pero tanto lle tiña. Un e outro día corría buscando natureza. Por iso era tan feliz cando marchaba ver aos avós a Cotobade. E por iso estudou Maxisterio e se especializou en Matemáticas e Ciencias Naturais, sendo esta segunda rama a que máis lle apaixonaba. 

Non foi un mestre ao uso. Non podía. Foi un pioneiro porque lle gustaba dar clases á beira da natureza nuns anos nos que abandonar a aula para ensinar no exterior aínda era visto como unha rareza. El descubríalle os ecosistemas aos nenos ao pé dos ríos. Facía experimentos con eles. E sempre foi un revolucionario buscando recursos. De feito, formou parte de Ollo de Sapo, un grupo especializado en buscar recursos en galego para a escola. Tamén formou parte da Sociedade Galega de Xeografía. Deu clases en Castrelo (Cambados), Mosteiro (Meis), no antigo Cefore (o centro de formación de docentes), en Mondariz e, na súa última etapa, no instituto Xunqueira II de Pontevedra. Cambiou tanto de destino porque non entraba nos seus plans ficar nun só lugar. Contaba nunha entrevista que dunha vez, en Mondariz, viu chegar a un dos alumnos e deuse conta que xa lle dera clase á súa nai. Fixo as maletas en canto puido porque cría que estar todo o tempo no mesmo lugar e facendo cousas idénticas non lle permitía medrar nin a el nin aos pupilos. 

Profesor durante moitos anos e mestre ata o día da súa morte, Amancio Castro fixo unha labor encomiable de recolleita de receitas para facer o famoso cacho de San Xoán, é dicir, esa combinación de herbas que se mesturan para lavar a cara o día 24 de xuño. El foi, aldea a aldea, falando coas mulleres, que sempre foron as custodias do cacho, para tomar nota de cales eran as herbas más usadas. Sabía moito das tradicións de San Xoán e, da man do colectivo Vaipolorío, plasmounas por escrito nunha guía, na que dicía que en realidade había tantos cachos de San Xoán como persoas que os fixesen. A súa pegada é xa eterna no colectivo medioambiental. E Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorío escribía así trala súa partida: «Fóisenos o compañeiro Amancio como nunha alegoría cromática de outono. Na súa mochila de viaxe levou as herbas de San Xoán e un portafolios. Deixounos a flora do Gafos, os cogumelos, seus coñecementos botánicos. Qué novas ribeiras vas percorrer? Qué singulares estípulas de follas han de chamar a túa atención? Se te atopas co Padre Sarmiento dille que no Gafos segue a gromar a orella de rato, co seu báculo de prelado monacal, como el a debuxara. Coñeces ben os sendeiros, sabes de camiños e natureza. Polos derroteiros que elixas has de ir ben. Vaias por onde vaias: Vaipolorio».