Adeus a un músico de raza, Arsenio Alonso Araújo

OBITUARIOS

Arsenio Alonso Araújo.
Arsenio Alonso Araújo. CEDIDA

O fundador da coral Voces e Cordas de Sobrado do Bispo foi tamén director da Banda de Celanova

09 jul 2024 . Actualizado a las 10:48 h.

Este luns era despedido en Sobrado do Bispo (Barbadás) Arsenio Alonso Araújo. No mesmo lugar no que nacera o 9 de novembro de 1939. Vinculado dende novo coa formación musical do seu pobo, tivo ocasión de estudar música chegando a ser fiscornio solista na Banda de Música de Durango en Euskadi con 17 anos. Fundou na cidade da Coruña a Banda da 641 Comandancia da Garda Civil. Foi un músico de raza, apaixonado do pentagrama e tivo unha forte vinculación coa vila de San Rosendo. Entre 1988 e 1994 foi o director da Banda de Música Municipal de Celanova e trala súa marcha seguiu vinculado a localidade ao converterse en director da Coral Solpor, posto que ocupa hoxe unha filla súa, Mery Alonso Iglesias. Do seu paso pola centenaria formación de Celanova quedou un traballo discográfico e un labor aínda hoxe visible. Unha vida caracterizada sen dúbida polo seu amor e dedicación á música na que tivo ocasión de percorrer toda Europa coa batuta.

O actual director en Celanova, Miguel Pérez Lorenzo, mostraba o seu pesar polo pasamento e destacaba a enerxía e ilusión de Arsenio Alonso por fomentar a música entre os máis novos, defendendo a Escola de Música que chega a actualidade grazas ao traballo de moitos, entre eles a Arsenio Alonso.

Arsenio coa súa filla Mery nunha foto recente.
Arsenio coa súa filla Mery nunha foto recente.

Foi un músico moi comercial que soubo facer grupo cun traballo que segue presente nas formacións polas que pasou. Cómpre destacar o labor musical na súa terra natal como fundador da coral Voces e cordas de Sobrado do Bispo, Barbadás, subdirector da coral polifónica Orfeón Unión Orensana, e como director de bandas de música como a de Alongos ou Santa Cruz de Ribadulla (A Coruña).