Morre Carlos López Sierra, «alma mater» da asociación Val de Láncara

La Voz LUGO

OBITUARIOS

Carlos López Sierra, nunha imaxe de arquivo presentando o premio Ramón Piñeiro Facer País
Carlos López Sierra, nunha imaxe de arquivo presentando o premio Ramón Piñeiro Facer País CEDIDA

Foi concelleiro do BNG no Concello de Láncara e estivo moi vencellado á familia de Fidel Castro de Cuba

11 feb 2025 . Actualizado a las 20:00 h.

Láncara despide a Carlos López Sierra, nacionalista comprometido coa cultura e coa súa terra, que faleceu aos 83 anos de idade. O Concello de Láncara emitiu un comunicado expresando o seu fondo pesar polo falecemento de quen fora concelleiro do BNG. De feito, no 2022, o Bloque fixéralle unha homenaxe como recoñecemento aos seus corenta antos de «compromiso» e «militancia» no partido.

López Sierra, veciño de Láncara, foi a «alma mater» da asociación cultural Val de Láncara, que impulsa cada ano o Premio Ramón Piñeiro Facer País. Ademais, estaba moi vencellado á familia de Fidel Castro de Cuba, e mesmo viaxou á illa para encontrarse co comandante.

Desde o Concello de Láncara explican que lle renderán unha «merecida homenaxe» nun acto no que se instalará unha placa conmemorativa no Mirador de Pedreira, «lugar que simboliza a súa conexión co noso municipio e os seus veciños». Destacan tamén que Carlos López Sierra desempeñou o seu posto de concelleiro «con lealdade, honestidade e unha profunda fidelidade ás súas ideas, sempre guiado polo compromiso co ben común e polo amor á nosa terra. A súa entrega e dedicación ao servizo público deixan unha pegada imborrable no noso concello e na memoria de toda a veciñanza». Califícano tamén coma un «home íntegro, comprometido e fiel á súa vocación de servizo».

Por outra banda, este mesmo martes ás 17.00 horas haberá un acto civil de homenaxe a Carlos López Sierra na Casa Grande de Láncara.