SUSTENTABILIDADE

La Voz

OPINIÓN

XERARDO ESTÉVEZ CRÓNICAS DO TERRITORIO

13 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Levado pola Fundación César Manrique, fun a Lanzarote organizar un curso sobre a re-construcción da cidade contemporánea. Pareceume oportuno contar cunha visión máis plural da que poden ofrecer a arquitectura e o urbanismo, e así, a carón de tres colegas arquitectos (Manuel Martín, director da Escola de Arquitectura de Canarias, Luis Fernández-Galiano, crítico e director da revista Arquitectura Viva, e Manuel Gallego, un dos nomes máis relevantes da arquitectura galega e española, e profesor da Escola da Coruña), solicitamos a participación dun politólogo (Joan Subirats, catedrático de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Barcelona) e dun político con ampla experiencia no urbano (Pasqual Maragall, ex-alcalde de Barcelona). Eu enfoquei a memoria da cidade a través da visión contemporánea, tema sobre o que levo algún tempo traballando. Entre todos, conviñemos en abordar a cidade desde unha perspectiva global para tratarmos de chegar a fórmulas de recuperación da dimensión local. Á luz dos vivos debates producidos, quero facer dous comentarios. Lanzarote é unha illa teoricamente protexida, declarada reserva da biosfera. O espírito de César Manrique, desaparecido hai oito anos, é o anxo tutelar da illa e, en certo modo, o seu sucesor é José Saramago, a quen todos atribúen un papel oracular. Sensibilidade popular É significativo o grao de sensibilidade da poboación diante do problema ecolóxico. Teoricamente protexida, digo. Pero da teoría á práctica hai un paso, que ás veces se converte nun abismo. Lanzarote, cun índice de crecemento demográfico dos máis altos de España, acadou xa o teito de carga turística e de construcción. Non obstante, no sur da illa están a medrar espectaculares urbanizacións, que ocupan incluso parte da servidume marítima; inaugúrase un novo aeroporto, unha nova planta desalinizadora, unha nova autovía..., que dan servicio ós encraves turísticos. En Lanzarote, aínda sendo un lugar protexido, o exceso de construcción e a falta de calidade do proxecto arquitectónico está a comprometer o equilibrio e a hipotecar a economía do futuro e o desenvolvemento sustentable da illa. Esta situación reprodúcese, e máis gravemente se cabe, en todo o litoral español. Poderiamos concluír que os pratos rotos do crecemento económico das últimas décadas está a pagalos o territorio, e son innumerables tanto ó longo da costa como nas cidades os exemplos de que deixarse levar só polo interese turístico e inmobiliario supón destruír o potencial económico e urbanístico de futuro. Polo que atinxe a Galicia, fortaleceuse o meu convencemento de que se queremos preservar o futuro do noso territorio, hai que facelo desde o planeamento e cun proxecto de calidade. O planeamento nas cidades non ten que ser hoxe o urbanismo dirixista de décadas pasadas, e a ordenación do territorio ten que servir sobre todo para trazar as directrices estratéxicas do espacio público e dos corredores que garantan a mobilidade. Deste xeito, poderase restablecer o interese por habitar desde a base dunha economía e dun desenvolvemento sustentables. Nos últimos anos _podemos dicir que desde 1993_ Galicia vive unha certa obnubilación fronte ós beneficios inmediatos do turismo e, paralelamente, dun importante segmento do sector inmobiliario. Pero un exceso de inclinación cara a esta vertente da economía pode xerar graves consecuencias e producir desequilibrios a medio prazo. Para encarreirar o desenvolvemento é necesario partir do proxecto e atopar o punto de harmonía entre crecemento e recursos, entre construcción e preservación, establecendo unha «carta de sustentabilidade» que incluiría, cando menos, os espacios de protección do territorio _tanto rural como urbano_, e que puidera conseguir o apoio político xeral para formalizar nestes temas o que poderíamos chamar un goberno común de mínimos, do que participasen o goberno e mais a oposición. Xa sostiven noutras ocasións que o territorio, xunto coa lingua, constitúe o fundamento da nosa identidade. ¿Por qué non habemos de compartir as decisións sobre o seu futuro?