ANXO TARRÍO VARELA LETRAS E OUTROS SIGNOS
08 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Dende que teño uso de razón baudeleriana, cada ano, ao comezar o mes de xullo, xa me estou despedindo do verán por culpa dun verso daquel poeta maldito que teimudamente me persegue: Adieu, vive clarté de nos étés trop court!, que, como ben sabe o lector, vale literalmente por «¡Adeus, viva claridade dos nosos veráns demasiado curtos!». E aínda peor dende que Jorge Semprún, hai dous ou tres anos, o traduciu libre, breve e xenialmente para lle dar título a un seu libro: Adiós, luz de veranos, expresión que encerra toda a melancolía da adolescencia e da xuventude perdidas. Terei que facer algo para borrar este verso da miña memoria, pois dende que se me meteu dentro dela non podo vivir o verán real, sensual e palpábel que me ofrece a vida xenerosamente, senón outros veráns xa pasados, arrumbados na lembranza, de cando a luz estival (antóllaseme agora) era moito máis intensa e brillante, sobre todo no momento epifánico de avistar dende o tren que nos levaba á familia de Santiago a Vilagarcía o resplandor do mar no horizonte e na ribeira de area rebotando nos ollos de quen, coma nós, nacidos no interior, debeciamos por que chegase ese momento tan esperado durante o longo inverno compostelán. ¡Eh, eh!, ¡atrás! que este cronista non quere poñer melancólico a ninguén. ¡Faltaría máis!, en pleno mes de xullo, cando xa moitos gozan das súas vacacións e están a beberse toda a luz do día con degoro, despreocupados das angueiras cotiás e con ese traxe de baño tan chulo. Ademais, xa se sabe que o século que acabamos de deixar prohibiu transparentar os sentimentos en calquera manifestación artística, incluída a literatura, e sobre todo na literatura, arte esta, non obstante, que conseguiu os seus mellores e máis firmes logros facendo chorar á xente. Non digo só, naturalmente, de choro chorado, que de todo e para todos hai, senón desa emoción contida que se adentra nun cando contempla ou le unha verdadeira obra de arte. E. A. Poe dicía que, de entre todos os sentimentos que un escritor pode espertar no seu lector, é o da melancolía o máis nobre e sublime, e isto valeulle para compoñer un dos máis fermosos poemas narrativos da literatura universal: aquel titulado «The Raven», «O corvo», paxaro que teimudamente lle recorda ao solitario e desesperado protagonista que nunca volverá a ver súa amada, morta para sempre. «Nevermore, nevermore», «nunca máis, nunca máis». E claro, por iso Baudelaire foi o primeiriño en traducir a Poe e por iso se me achantou na memoria aquela luz da adolescencia, como a voz do corvo a me repetir «nunca máis», nunca máis aquela luz de veráns...