MARINA MAYORAL
27 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Unha tarde despois de cear nun restaurante -unhas desas ceas das sete da tarde que a un español lle parecen sempre merendas- fumos dar unha volta por Bloomington, que é a pequena localidade na que está enclavada a Universidade de Indiana, onde entre outras cousas está a mellor facultade de música de todo o país. Vimos concentrada moita xente na plaza do concello con velas acesas e pancantar e achegámonos para ver de que se trataba. En principio era unha manifestación convocada en señal de dó polas víctimas do terrorismo, pero había tamén multitude de pancartas en contra da violencia e da guerra. Unha rapaza erguía por riba da súa cabeza un trozo de cartón no que tiña escrito por un lado a famosa máxima de Gandhi: «A lei do ollo por ollo deixa a todos cegos». Un rapaz novo, ó preguntarlle nós cal pensaba que debía ser a resposta á agresión, botounos un verdadeiro mitin a favor da paz: era moi triste que tanta xente morrera nos atentados de New York e Washington, pero moita máis tiña morto -dixo- a causa da errónea política exterior dos Estados Unidos. Dixo que había xente que se metía con el por defender a paz naqueles momentos, pero que el tiña moi claro que non se pode responder á violencia terrorista con bombardeos. Preguntounos de onde eramos e despois suspiróu e dixo: «Eu teño vinte anos e non saín nunca de aquí». Sorprendeume nun rapaz novo unha conciencia crítica tan aguda sobre todo en momentos en que todo o país clama por un castigo contra os terroristas. Cando llo comentei a unha colega respondeume: «Para algo tiña que servir a universidade». Esa mesma postura en contra da guerra que puiden observar nas outra universidades que recorrín, dende o centro ó oeste do país, está en aberta discrepancia coas consignas que de modo casi subliminal se estenden dende as máis importantes cadeas de televisión. Nun exercicio de democracia loable dan cabida ás opinións dos que se opoñen á guerra, pero trátase de escasos minutos de emisión mentres que na CNN, por exemplo, varias horas de noticias van encabezadas co título de America''s new war. Esa primeira palabra moi destacada reforza o sentido de unidade, de pobo unido contra un inimigo común, que é o que queren transmitir. A min a primeira vez que vin o rótulo deume un salto o corazón. Pero co paso dos días funme afacendo. Igual que todos os americanos. Antes de que empezasen os bombardeos, sen necesidade de declaración explícita, a xente acostumouse á idea de que o país estaba en guerra. As declaracións da diplomacia de que os bombardeos son só unha réplica á agresión recibida, de que están aplicando o artigo 51 da Carta das Nacions Unidas, están feitos para o exterior. O país sabe que está en guerra, os países árabes tamén o saben. E sería conveniente que todos os que podemos vernos envoltos no conflicto fosemos tomando as medidas pertinentes.