MARINA MAYORAL
15 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Unha amiga miña, activista eficaz na loita contra a prostitución, recibiu unha chamada telefónica dun propietario de prostíbulo -él chámalle bar de copas e como tal defrauda á Facenda- na que lle dixo que mellor lle iría se mantiña a boca pechada, porque o seu marido era un dos seus mellores clientes. Ese é o estilo: mentiras, ameazas veladas e costas ben cubertas. O negocio da prostitución move miles de millóns de dólares en todo o mundo. Lémolo todolos días na prensa. En España move máis cartos que a moda, casi tanto como o turismo. Sen querer, tendemos a velo como un negocio, os cartos acaban por impoñer un respeto. ¿Cómo nos vamos a atrever nós con algo tan poderoso? Forma unha rede tan espesa de intereses, hai tanta xente implicada (xente que un non esperaría nunca atopar nun mundo tan sórdido) que ás veces síntese a tentación de ollar para outra parte, de pensar que non é cousa nosa. Tamén o pensaban os alemáns na Alemania nazi cando oían falar do que estaba a pasar cos xudeos. Pero sí que é cousa nosa e responsabilidade nosa. Nós votamos ós que en 1995 (PSOE coa aquiesciencia do PP) sacaron adiante a modificación do Código Penal pola que os proxenetas, os negreiros do sexo, puideron pasar a formar parte do honrado gremio da hostelería, converténdose en propietarios de locais onde exercen libremente o seu negocio con só dúas limitacións: que as mulleres que traballan alí non estén obrigadas e que sexan maiores de edade. O da edade resólvese fácilmente falsificando os papeis das desgraciadas que caen nas súas redes, e a voluntaria colaboración conséguese con palizas e ameazas de morte a elas e á familia. Se son extranxeiras, que é a maioría, aínda resulta máis sinxelo. Por favor, non ollen para outro lado. Falen coas organizacións que se adican a defensa das prostitutas, lean as informacións que saen regularmente na prensa seria (reiteradamente neste mesmo periódico). Non digan que non saben qué facer, cómo evitar que esas mulleres sexán aterrorizadas para mantelas caladas e suxeitas á unha tarefa denigrante. ¿Acaso non se organizan vostedes para protestar cando vai pasar unha autovía por diante da súa casa? ¿Non fan folgas cando algunha medida estatal ou autonómica afecta ós seus intereses? Entón, ¿por que se quedan indiferentes cando se fala de legalizar a prostitución e converter ós proxenetas en membros do gremio da hostelería? Eu sei que non é fácil. Cónstame que despois de levar todo un mes escribindo sobre este tema haberá aínda xente que diga: «Vaia teima que colleu a Mayoral coas putas», ou «xa está outra vez dando a murga cos seus feminismos». Hai xente que non quere entender e con eso temos que contar, e coas ameazas e as críticas, pero hai que seguir e non pechar os ollos. Porque pode ser que calquera día, aí nese lado para o que non se quere ollar, estea o nosa filla, o noso fillo, un irmán, un dos nosos.