AXUSTE DE CONTAS

La Voz

OPINIÓN

MARINA MAYORAL

05 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha das novidades editoriais de fins de ano foi a biografía de Luce de Perón, ex muller do pintor ecuatoriano Oswaldo Guayasamín, na que, seguindo a tónica de moitas mulleres de famosos, pon a caldo ó seu ex marido. Os libros que denuncian atrocidades na convivencia con Picasso xa non sorprenden. Pero o caso de Guayasamín ha de resultar, polo menos para moitos, máis inesperado. Gauyasamín que, como pintor, non pasa de ser un discípulo de Diego Rivera, adquiriu gran parte da súa fama pola súa postura de defensor dos dereitos dos indíxenas do seu país e en xeral dos débiles e oprimidos. Esta imaxe non casa ben coa de sádico e déspota que denuncia a súa ex muller, que, segundo conta, foi víctima de todo xénero de humillacións e malos tratos: labazadas, puñadas nos peitos e na cara e ata un intento de estrangulamento cunha cadea, de ouro, eso si. Con todo, esta muller viviu con aquel home trece anos e a min, que queren que lles diga, é esto o que máis me interesa do libro. Que un bo artista sexa un canalla non me parece interesante, xa que, a parte de ser cousa habitual, todo o mundo sabe que o talento non ten nada que ver coa calidade moral das persoas. Un pouco máis de interese morboso ten o feito de que un líder dos dereitos humanos maltrate á súa muller, pero, tendo en conta que o tipo seguiu sendo un estalinista convencido ata a súa morte nos anos noventa, o asunto resulta xa moito máis claro. O que non hai maneira de entender é como unha muller nacida en París, filla dunha escultora rusa e dun abogado belga, instruída, culta, unha muller que hoxe ocupa un cargo importante en Quito, ou sexa, unha muller que tiña a posibilidade de deixar ó seu verdugo, convivise con el trece anos. Desgraciadamente as memorias non o explican. Só roza o tema de pasada: Conta que un familiar do pintor intentou violar a unha das fillas do matrimonio, que era case unha nena. Ó enterarse, o único comentario de Guayasamín foi: «¡Qué quieres ...es un hombre!». Luce de Perón decide entón divorciarse e xustifica o feito con estas significativas palabras: «Si yo dejaba que Oswaldo me destrozara, tanto desde el punto de vista físico como psicológico, era asunto mío, pero si por falta de carácter permitía que hiciera lo mismo con mis hijas, yo sería la más rastrera de las madres». De feito, non se divorciou. Fixeron as paces e con elas unha filla máis. Ata que o pintor tentou afogala coa cadea de ouro. A min gustaríame entender a razón última destas memorias e outras semellantes. Saber se son unha vinganza, un axuste de contas co morto, ou son máis ben un axuste de contas consigo mesma; un intento de convertir ó cómplice no único culpable, ou de xustificar o inxustificable: non ter abandonado ó tipo o primeiro día que lle cruzou a cara cunha labazada. ¡Quen sabe!