CARLOS CASARES Á MARXE
08 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Todo o mundo recordará, incluso as persoas que non son afeccionadas ó boxeo, aquelas imaxes contempladas por centos de millóns de espectadores, nas que se vía a Mike Tyson mordéndolle unha orella a Evander Holyfield. En América, que o sistema de televisión por pago se chama pay-per-view (pago por visión), empezaron a falar ironicamente de pay-per-chew, que se podería traducir por algo así como pago por mascar. Foi o bocado máis caro da historia, pois os tres ou catro gramos de orella que Tyson lle arrincou ó seu rival costáronlle arredor de tres millóns de dólares, o importe da multa que tivo que pagar. Agora resulta que, segundo comentaba o outro día unha profesora, na escolas mórdese moito. Seguramente ten razón, pero non creo que moito máis ca antes, pois nos meus tempos esa era a forma habitual de pelexar entre os pequenos, do mesmo xeito que a práctica máis común entre as nenas era agarrarse polos pelos. A citada profesora botáballe a culpa a televisión, que fomenta a violencia. Mesmo podería falar de Mike Tyson, supoño. O que pasa é que, cando eu ía á escola, a violencia era aínda maior e non había televisión. Á parte de que os nenos se mordesen e as nenas se turrasen das trenzas, o problema maior consistía en que moitos profesores se comportaban cunha agresividade rabiosa. A min aínda me deron cunha vara na palma da man e fun testigo frecuente de cómo a compañeiros meus os erguían polas orellas, a algúns dos cales estas se lle separaron un pouquiño da cabeza. É certo que agora os profesores son pacíficos e que hai alumnos moi furiosos, incluso con navalla. A culpa, sen embargo, poida que non sexa de Tyson, senón mais ben de papá e de mamá.