¿POR QUE LEMOS?

La Voz

OPINIÓN

MARINA MAYORAL

06 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Nestas datas, perto do día oficial do libro, pídennos ós escritores que lles falemos ós rapaces de libros para incitalos á lectura. Eu estas cousas fágoas por obrigación moral, pero con pouca fe. Penso que se aparecésemos no centro como os cantantes, nun coche deportivo despampanante ou cun yate ou unha avioneta propia, ó mellor tiñamos máis éxito. Aínda que pode que pensasen que fama ou cartos consíguense por escribir e non por ler. Con todo, eu tiven nunha ocasión unha experiencia que me fixo perseverar neste labor. Fun falar a un instituto a rapaces de entre catorce e dezaseis anos. A organizadora púxome sobre aviso. Eran alumnos de ciencias, pouco lectores, e había un que exercía de líder e que non ocultaba o seu desdén pola literatura de creación. Os editores e os educadores saben que os nenos pequenos len moito máis que os adolescentes e que a maioría destes non recuperan nunca o gusto pola lectura e pasan a formar parte dese arrepiante 46% de españois que non len nunca nada. Aquel día eu comecei polos argumentos de sempre: Ningunha vida por longa ou apasionante que sexa iguala a experiencia que se adquire lendo. A lectura mellora a calidade de vida, aumenta a sensibilidade e fai que disfrutemos máis de todo. Fainos mellores: máis comprensivos e tolerantes. Non evita o sufremento, pero proporcionanos axuda ó mostrarnos como outras persoas se teñen enfrentado a el. Axuda a responder os grandes interrogantes da existencia, a atopar camiños e abrir horizontes. Fainos libres. Todas as dictaduras e fanatismos, dende a Inquisición ó nazismo de Hitler ou o dos talibáns, queimaron e combatiron ós libros e fomentaron a ignorancia... A estas alturas da charla, a maioría dos alumnos que escoitaban parecían interesados, sobre todo cando cheguei a esa parte da liberdade e lles falei da película de Truffaut Fahrenheit 451 , que por certo ningún coñecía. Pero o líder seguía con sorrisiña de suficiencia. Aquelo picoume, heino de confesar. So me quedaba unha baza, que para mín é moi importante e decidín xogala a fondo: A lectura axúdanos a entender o que vivimos ¿díxenlles¿. Sen ela non sabemos moitas veces o que estamos vivindo. Citeilles a Neruda, ese poema no que fala de cousas que todos sentimos, pero das que non nos decatamos ata que non as vemos formuladas, aclaradas pola maxia da poesía: quixemos a alguén, xa non o queremos, ou quizá sí... ¿qué sentimos realmente? «Ya no la quiero es cierto, pero tal vez la quiero. Es tan corto el amor y es tan largo el olvido...». Nese instante o rapaz cambiou de expresión e comezou a escoitar con interese. Poucos días despois chamoume a bibliotecaria para preguntarme que libro de poesía citara eu na miña charla porque varios alumnos querían lelo. A min gústame pensar que un deles foi aquel rapaz que desdeñaba a lectura. Eso axúdame cada ano por estas datas a intentar convencer a rapaces escépticos de que, sen libros, a vida sería moito peor.