CANDO a algo lle alteran o nome é que o poden desfigurar por enteiro. O entorno de Augasantas, na Rochela, na parroquia mariñá da Devesa, é un espazo costeiro singular no que o mar e os ventos debuxaron na lousa penas furadas, ollos e profundas covas. Nunca praia foi porque a marea non deixa que o areal fique enxoito moito tempo. Tampouco tiña o nome grandilocuente de Catedrais co que dende hai uns anos é coñecido nas guías turísticas. Recibe centos, ás veces milleiros de visitantes diarios nos períodos vacacionais. E meréceos. Admirados pasean e fotografan sen que un sinxelo folleto lles explique a orixinalidade xeomorfolóxica do que observan no confín da rasa cuaternaria, sen que ninguén lles cobre o gasto do aparcadoiro ou o custo da degradación que a súa visita ocasiona. Un euro pola súa admiración serían millóns de euros para protexer o medio. Augasantas é un anaco de costa vivo que funda a súa beleza na fraxilidade de atoparse en plena destrucción erosiva. Xeoloxía veloz: unha costa caendo a diario. Se a acción humana acelera ese ritmo converterémolo nun espazo degradado; como tantos outros. Tamén o turismo ten que ser sostible, máis aínda o que disfruta de espazos naturais tan sensibles, para garantir que esta paisaxe sexa disfrutada polas xeracións futuras. Pois é hora de dar o aviso. De protexer. Antes de que as penas furadas caian polo paseo dos turistas como antano, cando ninguén reparaba nesta paisaxe, caeron polo peso dos carros que cargaban ouca para as terras. Antes de que se amontoen máis lixos e de que máis augas suxas baixen polo regueiro. Antes de que tiren os valados de pedra ou de que boten as vacas para traer golfistas acabicornados. Antes de que fagan a primeira urbanización con vistas ás Catedrais. ¡Imaxínense que recalificaran o Obradoiro!