24 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI a quen non lle gustan. Hai quen ten vertixe e non soporta as alturas. Hai quen pensa no tempo que se pasa nos ascensores. Algúns mesmo comezan por imaxinar toda a serie de catástrofes que poden desencadearse alí arriba (a imaxe das Torres Xemelgas está aínda moi recente). Hai quen desexa botarse a voar cando se atopa a carón dunha fiestra a moitos metros do chan. Hai para quen son verdadeiros monstros urbanos. Outros, simplemente, adóranos. Adóranos pola súa robustez, pola súa aparente firmeza. Polo dominio que senten aí arriba, pola superioridade fronte ós demais. Porque ven o que outros non poden. Porque gustan de sentir as cóxegas subindo polas pernas cando se asoman. Hai quen os adora porque simbolizan todo aquilo do que carecen. Porque os trasladan ós escenarios das películas. Porque lles permiten ser diferentes ó resto. Algúns adóranos porque se senten libres, a piques de rañar o ceo. En galego existen os verbos rañar e rascar. Sen embargo, é incorrecto escribir *rascaceos. A forma correcta é rañaceos. Rañar e rascar comparten o significado de 'fregar a pel coas unllas ou con algo áspero'. Ámbolos dous verbos son sinónimos de riscar. Rañar é tamén 'ferir a pel ó fregala coas unllas ou cun obxecto semellante'. Con este sentido, este verbo é sinónimo de garduñar e rabuñar. Así, de rañar, rañaceos. A outros gústanlles os rañaceos porque, como diría Woody Allen, soñan cunha cidade made in Hollywood. O alcalde da Coruña imaxínaa como unha nova Manhattan. Haberá rañaceos, e con sabor: As Percebeiras. falar.ben@lavoz.es