CANDO o réxime anterior, os mouros da escolta de Franco podían practicar a súa relixión como fieis discípulos do Profeta, o que non lle era permitido ós probes indíxenas celtibéricos, todos eles católicos por vontade do ceo e da terra. É de supoñer que ese alto privilexio lles foi concedido porque un exército de mouros fora botado contra o pobo español e contra a legalidade que este se dera. Nos nosos días, sen chegar a tanto, ocorre que nos visita un dirixente musulmán -é el o que ven aquí, non é que nós vaiamos alá- e cambiámo-lo ríxido protocolo: non lle damos ceas nin xantares -non sexa que inxira algo de porco ou de alcol-, e dispomos o que cadre para que unha ministra, aínda que leve os negocios estranxeiros, non lle dea a man. Ó mellor, nas actuais circunstancias, valería a pena facerse musulmán. Non semella esaxerado que un agarde, nese suposto, mellor acollida ca sendo un infeliz periférico. Pois, tendo en conta os antecedentes, penso que non é cousa desavida. Valería a pena facer unha proba.