O chapapote límpase con aceite

OPINIÓN

AS RESPONSABILIDADES políticas, con dimisións. O que empezou sendo un accidente na Costa da Morte convertiuse nunha catástrofe ecolóxica, económica e política para Galiza. Despois de mexar cinco días contra o vento, o barco afundido é unha bomba de reloxería a roernos mentres agardamos máis hidrocarburo. O fuel pinga nas penas, nas areas e nos paseos marítimos feitos coas axudas europeas que ben puideron ser usadas para a prevención. Un desastre marítimo cada sete anos xa non é unha excepción senón unha secuencia histórica que os nosos gobernantes son responsables de repetir. ¡Madia leva! Se están pringados de chapapote. A culpa non pode morrer solteira, dixera un ministro portugués. Milleiros de manifestantes con dignidade cívica e política esixiron responsabilidades pola ausencia de medios e de planos de emerxencia, pola incapacidade de coordinar siquera os esforzos das xentes voluntarias. A situación puxo a proba ao país. O bon xornalismo impediu minimizar o desastre. Os nosos gobernantes tomaron medidas ineficaces, fixeron o ridículo vía satélite ou estiveron agochados, como os da Xunta, ata que saíron ofrecendo cartos que non poden mercar silencios. A oposición andou lixeira pero con diferentes postas en escea. No PSOE, convencidos da avantaxe política que lles ofrecía a situación, chamaron a Zapatero. Algúns alcaldes e representantes do sector, menos preocupados das cámaras que da situación, aguilloaron ás institucións. Beiras e outros deputados do BNG, actuaron dende o primeiro día, lograron unha posición unánime do Congreso dos Deputados, interperlaron ao ministro de Fomento no Congreso e no Senado, entrevistáronse con Prodi en Bruxelas e, aínda máis importante, xa pediran hai un ano que a Axencia Europea de Seguridade Marítima se instalase en Galicia. Alivia que alguén faga o que debe.