O EXEMPLO, o mal exemplo, do actual Goberno USA, con todo o seu poder para crear mimetismo, espállase polo mundo enteiro, converte en potenciais, e en reais, energúmenos a políticos do mundo enteiro e aínda fai que toleen por asemellárselle pequenos políticos locais. Non só Aznar, senón tamén o coitado rexedor de calquera cidade ou vila. Nun xornal destes días, un destes referíase ó mala que é a «fragmentación política» ou un goberno local sen maioría, ideas que, de primeiras, semellaban moi joseantonianas ou do réxime anterior, pero que, sen dúbida, son debidas ó estilo Bush: nada de política, que é un entretollo; se temos o poder exerzámolo. Son as consecuencias, entre outras, dos malos exemplos, ou de andar en mala compaña: un contáxiase. E pode perde-lo sentido do humor e volverse autoritario. E contaminarse de terror á democracia, ó pluralismo, á diversidade, ó outro... a maior riqueza da vida. ¿Decatádesvos do grave momento que estamos vivindo por mor dos malos exemplos?