SE ALGUÉN tivese algunha dúbida de que o nacionalismo excluínte é o español, non ten máis ca reparar nas recentes declaracións do señor Rodríguez Ibarra, quen afirmou a comenencia de reforma-la Lei Electoral para botar do Parlamento español ós partidos nacionalistas. Non se trata tan só da cegueira centralista, nin da incultura política dun país acostumado a non respectar ó outro, nin do desprezo pola concordia, que tanto cómpre aquí, nin tampouco da insensibilidade diante dos problemas reais. Porque iso non o é todo: xente hai coma o señor Ibarra que é víctima da súa visceralidade e dos seus esquemas rudimentarios. E que nada aprendeu do pasado ben dramático, e que pouco lle importa seguir sen aprender. Tanto que quixeran excluír ós demais e reducilos nese pequeno chouso que é a leira mental en que viven. ¿Fascismo? ¿Efecto Bush? Ó mellor.