ERA COMO Franco e Serrano Súñer pretendían entrar na segunda guerra mundial do lado de Alemaña. Daquela o soño era un imperio norteafricano a costa de Francia e arrebatarlle Xibraltar a Inglaterra. Aínda que a propaganda do réxime e a súa estela historiográfica venderon despois a imaxe dun Dictador capaz de resistir as presións alemanas para a entrada na guerra, o conto foi outro. O certo é que as esaxeradas pretensións españolas provocaron o desinterese de Hitler por aquel aliado moroso que pedía máis do que daba, o que ao cabo evitoulle a Franco ser derrotado naquela guerra antifascista, permitíndolle prolongar o réxime co que usufructuou España ata a súa morte. Dende a crise de 1898, certos sectores da España eterna aspiran a recuperar un certo tronío de potencia, se é preciso a costa dunha guerra cómoda. A España que non se resignou a deixar de ser metrópoli parece andar de novo á busca do prestixio de potencia perdido hai máis de dous séculos. Detrás desta actuación española sen complexos , nos prolegómenos da guerra que se prepara, latexan os anceios frustrados de varias xeracións.Aznar está conseguindo algo certamente inimaxinable ao partillar cos mandatarios dos Estados Unidos e do Reino Unido a xestión desta crise; con eles redacta propostas de resolución do Consello de Seguridade e se reparte xestións que non ocultan a indixencia española en política exterior. Viu a oportunidade de codearse co imperio e aproveitouna para situar a España alí onde os seus soños imperiais cren que debe estar. Só iso pode explicar que sexa capaz de sacrificar o papel do Estado español na construcción da unidade europea, as súas relacións con Latinoamérica, o seu papel no Mediterráneo ou as relacións cos países árabes. Franco só chegou a verse con Hitler en Hendaya e con Mussolini en Bordighera.