A BIBLIOTECA de Bagdad foi queimada, case seguro que por saqueadores, mentres as forzas de ocupación miraban para outro lado. Máis dun millón de libros queimados, en xeral de moita antigüidade, entre eles unha das copias máis vellas do Corán. A perda para a humanidade é dunhas dimensións insospeitables. Pódese ser culpable por acción ou por omisión. Aquí non se pode poñer en dúbida a culpabilidade das forzas de ocupación. Porque para evitar esta catástrofe cultural só habería que te-la dilixencia que se tivo para que non ardesen os pozos de petróleo. Napoleón ou Hitler, e moitos outros, roubaron e saquearon a esgalla. Pero non destruíron a cultura de ningún país. Pois sabían moito do que roubaban e do que saqueaban. Os invasores do Iraq descoñecían os tesouros que gardaba a biblioteca de Bagdad, como ignoraban que España fose unha monarquía. Por iso moitos pensamos que non levarán democracia ó Iraq. Porque as prioridades dos invasores son outras.