ESTAMOS a rematar este 2003. E con el rematará tamén o ano Alexandre Bóveda, co gallo do seu nacemento naquel Ourense de 1903. Na súa lembranza organizáronse e desenvolvéronse diversos actos: xornadas de homenaxe, ciclos de conferencias, mesas redondas, concertos e ofrendas, entre outros, programados, a maioría, pola Fundación que leva o seu nome Comisión Pro Centenario. Diversas publicacións deron nova e mensaxe do noso persoeiro, das que son bo exemplo: Asemblea de Concellos de Galiza Pro-Estatuto , edición de Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, desenvolvida en Compostela nos días 17, 18 e 19 de decembro de 1932, -na que foron tan decisivas as intervencións de Alexandre--, e El primer Bóveda , de Rafael López Torre. Quédanos, pois, a boa lembranza dos actos, unha axeitada documentación e novas fontes abertas para futuras investigacións. Pero coido que non houbo todo o recoñecemento oficial que o ser humano Alexandre Bóveda Iglesias merece, e non, certamente, por culpa da nomeada Comisión Pro-Centenario, nin dos demáis organizadores, patrocinadores ou colaboradores nos actos. E é que por enriba, ou mellor aínda, na esencia do Bóveda opositor destacado -non esquezamos que, con menos de 24 anos, sacou o número un para xefes de contabilidade do Estado-; fondo coñecedor de Brañas e Murguía, amigo de Otero Pedrayo e Risco, tertuliano con Castelao e Losada Diéguez, técnico nas cousas da Facenda, pero tamén entusiasta da Socioloxía e a Estatística; o que fixo realidade o proxecto da Deputación Provincial de Pontevedra, presidida por Daniel de la Sota, sobre a creación da Caixa de Aforros no 1930 e da que foi o primeiro director, en fin, do político exemplar, coñecido de todos, está o ser humano. Unha persoa certamente de excepción, unha categoría que medra na medida que se afonda na súa pequena peripecia vital, xa que Bóveda foi unha das primeiras víctimas do odio da Guerra Civil, na Pontevedra do agosto de 1936, con 33 anos recén cumpridos. Un perfil exemplar que Xaime Isla Couto, secretario das Xuventudes Galeguistas de 1930 a 1936, que tivo unha fonda relación con Bóveda, nos apuntou nun dos actos. O mesmo que nos pon de relevo o Padre Isorna ó lembrar as conversas co seu irmán de comunidade, o P. Luis María Fernández Espinosa, que lle administrou os derradeiros sacramentos a Bóveda, do que tiña -afirma- «un altísimo concepto como home de ben disposto sempre ó diálogo e á axuda ós demais». Na valoración destes testemuños, o ser humano de Alexandre Bóveda agrándase. Medra ós nosos ollos e ó noso entendemento. Xorde como un guía tamén hoxe. Case se podería facer un abecedario cos seus valores e comportamentos. A modo de exemplo, sinalaremos os seguintes: respecto con todos, escoita atenta, aglutinador de ideas e achegas, consecuente, disposto ó diálogo sempre, sincero, ansioso en todo intre do saber, claro e preciso nos seus prantexamentos, bo comunicante, mirada serena e limpa, interiorizado na súa Galiza, proxeitado ó futuro, en fin, católico practicante, cheo de testemuños e servicios, e sobre todo exemplar esposo e pai, como se pon de relevo na carta derradeira á súa muller, rezando con ela, sen esquecer a ninguén, un dos cinco escritos que fixo con pulso seguro, moi pouco antes de ser fusilado nas primeiras horas do 17 de agosto de 1936. Só unha Guerra Civil, na que o raciocinio do ser humano tórnase ás veces no máis baixo e ruín, aínda cando se trata de administrar xustiza, puido levarnos a este home, cheo de xuventude e ansias de vivir para continuar facendo o ben, que hoxe, a cen anos do seu nacemento, xorde tamén como modelo e valor no noso tempo.