TEÑO A IMPRESIÓN de que Zapatero non ten moito interese en gañar as eleccións. Teño a impresión de que Rajoy tampouco. Se un os mira estes días, non pode evitar esa estraña sensación de que ambos se ven a si mesmos como candidatos accidentais, un pouco porque lles tocou. E, de feito, así foi: a un (Rajoy) por renuncia do titular; ó outro (Zapatero) por liquidación de existencias. Os dous son reservas, certamente, e ás veces parece como se este partido de marzo o fosen xogar, desmotivados, no segundo equipo ou na selección sub-21. Van pasando os días, e un e o outro parecen como desanimados, como desilusionados. Trepan ás tarimas con fastío, xa temendo que lles van preguntar con mala uva, e cada vez que lles sacan algunha historia andan a pasar: «¿O alcalde de Toques? Non sei quen é nin onde cae Toques». Ou: «¿Carod Rovira? Xa se encarga Maragall». Menos mal que logo baixan do cadafalso dos micrófonos e buscan refuxio nun xantar con banqueiros, que é onde poden falar con liberdade e contar chistes, porque están entre amigos. Só cando lles pinchan, e aínda así rosmando coma se os levantaran da sesta, reparten algunha orde polo fax, que é o tambor de guerra dos partidos e os gobernos: «Céseme usted a Carod». «Se lo ceso a medias». «Vale». Ou: «Que me dimita ese alcalde». «No quiere». «Bueno». Todo con tal de que a realidade os deixe en paz. En parte, levan razón, porque é certo que, en política, xa está todo dito e non queda máis que espacio para meter o zoco, que é o que o político ten agora que evitar. O bo orador ultimamente non é o home que fala ben, senón o que cala mellor, e de aí esta nova raza de castelares que non dan nin palabra. Non necesitan sequera vocalizar ben (Rajoy) nin tampouco estar en posesión do vocabulario de doña María Moliner (Zapatero) porque o silencio non precisa de logopedas nin de lexicógrafos nin tampouco da elocuencia dun Demóstenes. Pero é que ademais, estes dous parece que se aburren. Creo que nunca sucedera isto. Sempre houbo indecisos nas eleccións xerais. Pero antes atopábanse, nunha certa porcentaxe, entre os que votaban, mentres que nestes comicios parece que os indecisos fosen os que se presentan. E así, cada vez que vexo nas enquisas as cifras do «non sabe, non contesta», pregúntome se entre os do «non sabe» non contarían a Zapatero, e entre os do «non contesta» non se atopará Rajoy. Tolerías miñas. mmurado@yahoo.com