Trillo e Einstein

OPINIÓN

23 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ASÍ QUE o ministro Trillo di agora que se arrepinte de non ter ocupado a Illa de Perejil oito anos antes, porque é gracias a aquela, digamos, manifestación de forza que os pescadores españois poden faenar tranquilos no banco sahariano. Ou isto, polo menos, foi o que lles dixo ós pescadores de Santa Pola, que faenan en realidade no Gran Sol. Eu compréndoo. Así son os arrepentimentos: que se non lle dixen a aquela rapaza que me gustaba, que se non comprei aquel billete da lotería. E, no caso de Trillo: por que non atacaría aquela illa antes. O problema é que oito anos antes non a invadira Marrocos aínda, se é que a aquilo tan pouco parecido ó de Normandía se lle pode chamar tamén invadir. Está claro que estamos levando demasiado lonxe esta cuestión dos ataques preventivos: actuar oito anos antes de que o feito suceda é moito anticiparse, paréceme a min. Un diría que unha cousa é desafiar as leis internacionais, como quizais se fixo en Iraq, e outra moi diferente desafiar as da Física, como quere agora o Ministerio de Defensa, levado polo seu patriotismo. Creo que por aquí si que non deberíamos de pasar, e esixir que faga o que faga o Goberno, respecte a Albert Einstein xa que non a Kofi Annan; e que se ateña ás convencións espacio-temporais, xa que non ás de Xenebra. Inevitablemente, Marrocos mostrou a súa discrepancia con este abuso do que os científicos chaman «a frecha do tempo», e o teléfono de Ana Palacio, parece ser, botaba fume o domingo. Pero Palacio di que as relacións cos nosos veciños están no seu mellor momento (o que pode ser verdade) e aseguraba onte que Trillo xa pedira perdón e que o seu foi unha broma que non se entendeu. E Santas Pascuas, diríamos, se non estivesemos en realidade no Antroido. Quedámonos, pois, unha vez máis, coa broma mal comprendida. O que antes eran malentendidos son agora, sistematicamente, bromas, e esto vale tanto para Trillo como para moitos outros políticos do Goberno, da oposición e do estranxeiro. O de que Trillo pida perdón está ben, aínda que o de desculparse perdeu moito desde que todo o mundo utiliza a palabra «perdón» para interromper. Pero é mellor que diga que foi unha broma, porque como tamén foi unha broma o do euro que lle botou a unha xornalista a semana pasada, estaríamos nunha racha de bo humor que tanta falla nos fai a todos e ó seu ministerio en concreto.