Lección para adolescentes

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

RECORTO a noticia no xornal e séntome co meu fillo de 14 anos a comentala. Falamos pouco. Non é fácil. Supoño que podo compartir esta preocupación con outros pais. O adolescente tende a ser un muro onde rebotan as pelotas que lanzamos. Así fomos tamén nós. Ten máis que ver coa bioloxía ca con outras cousas. Pero hai que facelo. Ao final sempre hai unha regandixa de luz, e as palabras entran. As palabras. Esa terapia marabillosa, cando acertamos con elas, e cando acertamos, sobre todo, a escoitalos a eles, que empezan a abrirse ao mundo, ás inseguridades do mundo e das ideas. Tan fráxiles. Tan nosos... Falamos do rapaz vasco que se tirou a vida, acosado polos compañeiros do instituto, que o humillaban cos seus malos tratos. Tiña 14 anos, coma o meu fillo. ¡Os abusóns de quinto! Así diciamos na miña infancia. As leis salvaxes do grupo. Disque o 48% dos escolares españois, entre os 9 e os 14 anos, padecen situacións de violencia por parte dos compañeiros. As cifras, de confirmárense, son escandalosas. O matón convértese no ditador. Os outros consinten, en parte para non enfrentárense a el, asustados pola violencia que os aguilloa. A violencia (tamén nesas idades) é coma unha droga, emborracha, paraliza, anula vontades e consciencias. A vítima, unha vez localizada, ten difícil escapatoria. Todos a por ela. Cando máis fráxil e vulnerable, máis cruel é a humillación e a burla. Non se atreve a dicilo en casa. Dálle vergonza. Moito menos comentarllelo aos profesores, que non se enteran. Non lle botemos a culpa á televisión. Demasiado fácil. O problema témolo dentro. O problema está en nós. Os ritos (as actuacións) da adolescencia son un preludio da idade adulta. Os máis fortes (non os máis intelixentes) impoñen a lei, e o medo actúa: medo a revelarse, medo a dicir que non, medo a ser distintos, entregados á gregariedade embrutecedora do grupo, medo a alzar a voz e romper as regras, medo a ser nós mesmos, fronte a quen manda e domina. No fondo, a vítima é un elemento de fuga, mentres a violencia se ensaña nela (na súa fraxilidade), nós sentímonos seguros, non nos toca, a acción ten outros obxectivos. ¿Cantos silencios cómplices non se xustifican así, tamén na vida dos adultos? ¿Cantas veces calamos (e consentimos), sabendo de situacións inxustas, abusos que se cometen ao noso arredor, simplemente para que non nos toque esa furia, esa inxustiza? Algo temos que dicir os profesores. Non podemos inhibirnos. Tampouco os pais. A escola non é só un sumario de coñecementos. Debemos esixir que sexa, sobre todo a estas idades, un espazo de formación e de reflexión, institución de valores e de condutas. Debemos atopar tempo e lugar para exercer esa parte fundamental do maxisterio. A educación do futuro cidadán adulto ten que comprometerse decididamente con estas cuestións, que están relacionadas coa democracia, o respecto, a liberdade e a convicencia, coa solidariedade e co recoñecemento da diversidade (a diferencia de sexos, de razas e de crenzas), coa expresión dos afectos e a represión da brutalidade e da violencia (non só da violencia física). O mundo arde ao noso arredor. Abran vostedes o periódico. Agochar a cabeza é suicida.