O MÉRITO do presidente Rodríguez Zapatero é obxectivo. Quizais non suficiente, pero esencial para reconducir (ou lanzar) un proceso que, logo de vintecinco anos, necesita unha revisión importante, sen dúbida valente, abofé que tamén arriscada: a actualización da carta constitucional e, moi especialmente, as relacións entre as comunidades autónomas en España, realidades sociais e políticas que, aínda que con distinta intensidade e xustificación, se foron consolidando ao longo deste último tercio de século e configuran de feito a estrutura básica do Estado. Parece incrible que ao longo destes vintecinco anos de vida democrática, configurado o Estado desta maneira, nunca puidera tirarse esta fotografía: os presidentes das comunidades autónomas arredor do presidente do goberno español e mesmo con el-Rei. ¡Vintecinco anos para unha foto! Algúns comentaristas, e os políticos do PP, intentaron descalificar o feito baseándose precisamente niso: ¡unha simple fotografía!, cando tantas cuestións están abertas e pendentes. Neste sentido, a intelixencia e a experiencia política do presidente Fraga son de agradecer, evitando un desaire ou unha actuación partidaria (aínda que lexítima) nun momento que é, fundamentalmente, simbólico, e como símbolo integrador (ou con vontade de integración) debe ser entendido. ¡Vintecinco anos para unha fotografía! Se cadra o proceso político foi máis difícil e entrambilicado do que aparece nos libros e nas columnas de opinión. Nin a difunta UCD, nin Felipe González, e moito menos Aznar, que acabou encirrando as posicións ata o paroxismo, lograron algo tan elemental coma reunir diante da cidadanía os representantes democráticos das CC.AA.: segundo nivel organizativo do Estado, arredor dunha idea común: o que poderiamos denominar a España posible. Xa non digamos traballar con eles. O espectáculo do presidente Aznar negándose a recibir ou ninguneando ao lendakari Ibarretxe era moi difícil de explicar, cando menos en estritos termos de lexitimidade democrática. En gran medida contra isto (e contra actitudes deste tipo) foi contra o que votaron os españois o pasado 14-M. En democracia, por moito que digan, as formas son moi importantes. As formas e o talante (palabrón que tanto se repite). E os símbolos, que algúns consideran cuestión menor (sobre todo cando non cadran co seu discurso, que exhibe outros símbolos diferentes) teñén moita máis trascendencia do que ás veces se di: porque neles (ou contra eles) se referencian os individuos e os grupos humanos. Estamos construídos de símbolos. Gústenos ou non, o ser humano é, esencialmente, un animal simbólico. Outra cousa é pensar que con xuntanzas deste tipo se solucionan as cuestións pendentes ou, como dicían os adversarios do señor Rodríguez Zapatero, esixir que nunha reunión destas características (necesariamente formal, fotografía incluida) se queiran argumentar, defender e artellar os problemas desa España plural (que a algúns non nos importa dicir plurinacional). A reforma do Senado, por exemplo, é unha demanda obxectiva, e da articulación dun foro (e duns procedementos) de representación eficaz, operativa e axeitada, alén da estricta representación política, vai depender o éxito dun proceso que, en calquera caso, comeza, e un non pode máis que aplaudir.