Amor posesivo e violencia

OPINIÓN

13 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

DURANTE SÉCULOS a poesía de amor cantou a servidume amorosa do home á muller amada. Nos poemas recollidos nos cancioneiros medievais e en toda a poesía petrarquista atopamos a figura do servo de amor, que considera á muller como dona da súa alma. O home era posuído pola amada, que ás veces deixaba de querelo e sumía ao amador na desesperación ou na melancolía. Aínda que na vida real as cousas fosen diferentes, tal postura constituía un modelo de comportamento amoroso. A partir do Romanticismo, cando a muller comeza a adquirir autonomía social, os poetas dan en dicir que a muller amada é unha posesión súa. Un dos casos mais sorprendentes é Eduardo Pondal, que chega a cantar unha violación («Pilleina entre os pinos soia»), porque parte da idea de que a muller debe por natureza entregarse ao home, igual que o trigo se entrega á aixada («Esquiva rapaceta»). Sen chegar a ese extremo, un dos máis famosos poemas de Rubén Darío titúlase Mía e nel declara: «Mía: así te llamas (...) Tu sexo fundiste con mi sexo fuerte (...) ¿No has de ser entonces / mía hasta la muerte?». Juan Ramón Jiménez, no libro Estío, afirma que a amada pertence máis ao poeta que a ela mesma: «Serás tú, sin quererlo, / la tú que, estando en ti, no es tuya, / sino mía» . E Pedro Salinas segue nesa liña en varios poemas ( Tú, mía , Pregunta más allá ...) Un caso moi coñecido é o da canción Every breath you take , de Sting. Ese amante que vixía cada movemento da muller que o dexou e que lle di que ela lle pertence está moi perto dun acosador. En contra desta mentalidade hai poemas como o de García Calvo «libre te quiero (...) no mía» , ou cancións como a do cubano Silvio Rodríguez «Yo te quiero libre como te vi, libre de otras penas y libre de mí» , pero penso que a maioría da sociedade -mulleres incluídas- identificase máis coa postura da canción de Sting. Dende aí é facil pasar ao la maté porque era mía , que está no fondo de moitos casos de violencia doméstica.