Placas

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

15 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

DE CERTO que haberá moitas diferenzas entre o novo e o vello Goberno, aínda que cos vizosos ventos novos entrefébrense algúns sinais de continuidade deses que teñen por obxecto dar confianza. Políticas que se manteñen como é razoabel en democracia e persoas que recuncan como se fosen insustituibeis. Vellos servidores que serán novos pero con vellos hábitos, mentras se inventan os novos. Emboscados. O normal. Os Fouché, os Talleyrand -aínda que sexan de palleiro- capaces de gobernar para a Revolución, para Bonaparte, os Borbóns restaurados ou os Orleáns instaurados. Alén da anécdota, porén ten a súa importancia que non se manteñan algunhas poderosas inercias, e que os novos gobernantes sexan quen de descubrilas e alteralas. Confío por exemplo que o novo Goberno marque as súas diferenzas co vello, abandonando o luxoso e oneroso hábito de colocar placas conmemorativas por todos os currunchos do país. Aínda que isto signifique que haberá moitos facedores e colocadores de placas -un sector puxante da nosa economía- obrigados a se reconvertir ou apuntarse no paro. ¡Algo ten que ter o cambio! A colocación de placas é unha práctica común de todos os gobernos pero no caso galego chegou ao paroxismo pola teima fraguiana de lembrar o seu paso pola vida e a política. As placas da Xunta poden atoparse nos lugares máis insospeitados e polos motivos máis asombrosos. Inauguracións, reinauguracións, fases sucesivas de reforma ou construcción. Poucos edificios públicos quedaron libres das planchas conmemorativas, independentemente da súa data de construcción. No pazo de San Xerome, aproveitando o Vº Centenario da Universidade ou en igrexas e outros monumentos, preferentemente relixiosos, restaurados por xenerosa subvención xunteira, estas placas acabaron por situarse nos lugares máis vistosos e senlleiros. Mesmo na catedral de Santiago penso que ollei unha destas placas de esgueira e estoutro día atopei unha na que Fraga reinauguraba, xunto cun alto cargo do turismo español e coa desculpa dunhas obras de acondicionamento, o Parador de Ribadeo, corenta anos despois da súa construcción. Estas placas merecerían un estudo sistemático dende a historia e dende a politoloxía, pois veñen sendo lugares da memoria dunha forma de facer política. A súa redacción e a ordeación dos nomes dos inauguradores convertíuse nunha peculiar representación de poderes. Lembro outra placa, esta no vestíbulo do Teatro Principal de Ourense, da época en que aínda existía o grupo de centristas, na que o primeiro citado é o daquela presidente do Parlamento, Victorino Núñez, seguido do presidente da Deputación e na cola o presidente da Xunta. Alterando de xeito ben significativo a orde dos factores e o producto final. Só por curiosidade: gostaría de saber se na placa de creación do Centro de Estudos Xudiciais, alén dos nomes de Fraga e Palmou, figura tamén o do alcalde socialista de Vilagarcía. Curiosidade.