Libros, leis e desexos

OPINIÓN

03 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NON PODO por menos que sorrir cando leo, nestes últimos tempos, que se define o sector do libro como «estratéxico» e «prioritario». Resúltanme ben familiares estes adxectivos. Son, mesmamente, os que figuran no artigo 1º da Lei do Libro, do Fomento da Leitura e das Bibliotecas Públicas, que tiven a honra de redixir, da primeira á derradeira palabra, no exercicio da miña responsabilidade como deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Proposición de Lei que ficou rexistada nesta institución no 24 de outubro de 2002 e foi defendida con resultado negativo na votación, naturalmente, un ano despois. Boten contas: desde a vixente Lei de Bibliotecas, de 1989, incumprida en aspectos fundamentais até esta iniciativa lexistativa do BNG, xa no século seguinte, non houbo, por parte de nengún outro grupo parlamentar nen tampouco por parte da Xunta, proposta legal nengunha relativa ao universo do libro e todos os seus actores. Non vou recordar aquí todas as iniciativas -de control, de impulso e lexislativas, como a que aquí se recorda- que o BNG, pola miña autoría, apresentou durante 14 anos consecutivos verbo deste tema. En solitario: nen PP nen PSOE pareceron conmoverse moito por este sector ou ámbito cultural que, hoxe, todo o mundo cualifica como «estratéxico». Laus Deo! Quen quixer, poderá comprobalo documentalmente no Boletín e mais no Diario de Sesión do Parlamento de Galiza. Si teño interese en lembrar, por respeito á historia, que o BNG, e con el unha servidora, fomos os únicos en elaborarmos un texto legal que visaba atender todos os tramos determinantes do libro e da leitura: maior creación, a edición, a produción, a promoción, a venda do libro, o fomento da leitura, a industria a isto conectada, e mais as responsabilidades dos poderes públicos neste sector: «Obxecto da Lei: A presente Lei declara estratéxico e prioritario o sector da produción, edición, difusión e mellora do libro e de todos os axentes implicados na súa existencia como ben cultural e como ben económico». Así rezaba o artigo 1º da lei mencionada que pretendía crear un marco xurídico estábel que atendese á mellora, modernización e posta en valor de todos os elementos concorrentes na existencia e difusión do libro e procurase a facilitación e fomento da leitura, así como o crecemento e diversificación do sector editorial galego e dos seus produtos. Naturalmente, ficaban implicados a Consellaría de Cultura, a de Educación, a de Industria e o Igape. As Bibliotecas públicas definiríanse como centros de información, de leitura e de actos culturais. Contemplábase a creación dun Consello Asesor do Libro, como órgao de carácter consultivo, cuxa función sería a de canalizar de forma estábel e permanente as relacións entre a Administración e as fontes implicadas no sector do libro. Para o mellor cumprimento dos obxectivos da Lei, prevíase que a Xunta colaborase coas asociacións e federacións de escritores, editores, libreiros, bibliotecarios e outras do sector. En fin, ningúen ten que acreditar nas miñas palabras: abonda con que lea este documento parlamentar, público e publicado e, por certo, enviado no seu día a tutti quanti tiñan e teñen a ver nesta materia. Os axentes implicados, como se adoita dicer. Víctor F. Freixanes escrebía neste xornal sobre unha política nova para o libro galego. De acordo: mais esta «política nova» xa está escrita (con todas as actualizacións precisas, por suposto), xa está pensada, non como desexo, senón como texto de que partir para un definitivo proxecto de lei do Goberno. Será ben lembrarmos, documental e veridicamente, como, cando, quen e con que papeis se construíron os desexos que aspiran a seren leis. A cadaquén o que lle toque, sobre todo cando algúns-algunhas aínda o podemos contar.