Risa e relixión

| SIRO |

OPINIÓN

03 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O NACEMENTO da caricatura no estudio dos Carracci, a comezos do século XVII, supuxo, en opinión do sociólogo Erns Kris, «a conquista dunha nova dimensión da liberdade da mente humana, non maior, pero quizais non menor, da que marca o nacemento da ciencia racional na obra de Galileo, o gran contemporáneo destes artistas». Naturalmente, as caricaturas pódense facer con formas e usos moi distintos, de aí que unhas sexan arte de museos e outras simples libelos gráficos. Na cultura occidental a caricatura está asumida como un xénero periodístico, e os caricaturistas gozamos do privilexio dos antigos bufóns: podemos dicir con debuxos o que aos redactores se lles nega, a condición de que fagamos rir. Os límites do terreo de xogo dependerán da publicación. Non poden ser os mesmos os dun xornal de información xeral, que os dunha revista de humor ou dunha publicación underground . O xornal danés Jyllands-Posten , que publicou as caricaturas protagonizadas por Mahoma, é un xornal de noticias, nada sensacionalista, polo que non parece asisado atribuírlle a vontade de ferir á xente do credo musulmán. Como moito, haberia que falar dun erro. ¿Foino? Na miña opinión, a caricatura de Mahoma coa bomba como turbante foi pouco meditada, porque tamén o mundo cristián se sentiría aldraxado se un xornal de Irak publicase un debuxo de Cristo convertido en Rambo, poño por caso. A outra, a de Mahoma dicindo que no Ceo xa non quedan virxes, paréceme moito máis inocente. Lembremos que o título dunha novela de Álvaro de Laiglesia, publicada en pleno franquismo, era ¿Pero hubo alguna vez once mil vírgenes? A risa non se leva ben coa relixión en ningures. Lembremos que Xurxo de Burgos, o bibliotecario cego de O nome da rosa , asasinaba a cantos tiñan acceso ao Tratado da risa , de Aristóteles, porque a risa liberadora lles faría perder o medo, todos os medos, mesmo o medo a Deus. Se do século XVI e da ficción pasamos á realidade actual, aínda podemos oír os berros de media España contra Maragall e Carod Rovira, pola foto coa coroa de espiñas para turistas, en Xerusalén. A publicación das caricaturas puido ser inoportuno, pero o reaxir das autoridades dos países musulmáns resulta incomprensible.