A CORUÑA, rodízio brasileiro. Picana , maminha e cervexa moi fría. Conversa sobre os recursos do Globo. Paisaxes de selva abraiante, engulidora, campos infinitos de cana de azucre, altas torres de pozos petrolíferos, motores deseñados para funcionar a alcol. Subiron os xuros do Banco Central Europeo e a crise mundial parece servida. No fondo é unha crise enerxética, que xa detectou o mellor económetro do primeiro mundo: o sector do automóbil. Caen as vendas a cotío. O público non se dá engaiolado cos novos modelos, cada vez de máis motor. A xente teme cada suba de cuarto de punto polos centos de euros que lle repercute na hipoteca. Hai incerteza e o combustible é un constante sobresalto. Quizais o inmenso Brasil poida mirar as cousas sen afogo, pero norteamericanos e europeos teñen fronte a si a inflación, os xuros en aumento, a guerra larvada no Golfo de Nixeria, a carnicería iraquí e a teimosía iraniana. Fronte a iso fálase moito de enerxías alternativas; pero moi pouco de propulsión alternativa. Só algunha marca de automóbiles puxo no mercado os propulsores híbridos que rebaixan notoriamente os consumos (e a contaminación atmosférica). Algo parece non encaixar nun sector tan distinguido pola investigación e a aplicación do investigado. As grandes fabricantes de coches e camións son empresas «tractoras», capaces de modificaren o mundo industrial. Daquela, e mentres non se chega a solucións soñadas para impulsar os vehículos, ¿como non promocionan os biocombustibles e os conxuntos combustión-eléctricos? Nun recanto do Brasil imitado en ambiente e sabores, voa a imaxinación e vense os montes galegos cheos de plantacións «enerxéticas», vixiados por todoterreos dobremente motorizados, con diesel e eléctrico; con baterías que se recargan na freada das costas abaixo. Algo coma o imaxinado faría mudar os valores das cousas no mundo. Sería unha maneira de lle tirar a espoleta ás bombas de moitas das guerras que todos tememos.