Riscos manifestos

| X. L. FRANCO GRANDE |

OPINIÓN

27 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

DESCUBRO que o brillante economista Paul Krugman pensa como algúns que vimos dicindo que existen probas abondo de que os que hoxe gobernan nos Estados Unidos cren que algunhas moi xebres institucións políticas e sociais do país non deberan existir, e que tampouco aceptan que a lexitimidade xurda do proceso democrático. Eses son os que Krugman chama extremistas , os que están poñendo en perigo o Estado de benestar (Seguridade Social, seguro de paro, asistencia médica federal), e aínda un principio fundamental como a separación da Igrexa e o Estado, e defenden o uso da forza militar no exterior cando así conveña ao país. Krugman exprésao moi ben dicindo que o obxectivo deses gobernantes é un país que careza basicamente dunha rede de seguridade social, que confíe por riba de todo no seu poderío militar para impoñer a súa vontade no exterior, con escolas que non ensinen a teoría da evolución, pero si relixión, e pode que tamén un país no que as eleccións sexan mera formalidade. E sempre a mentira como arma permanente.