SE unha rapaciña de dezaseis anos desfila pola Pasarela Cibeles fórmase un escándalo, pero ese rapaz toureiro da mesma idade que se pon diante das defensas dun Miura recibe o trato de valente. Asociacións de pais, telespectadores e psicólogos combaten o mal exemplo da violencia en televisión, pero cada ano as Forzas Armadas organizan xornadas de portas abertas para que os escolares se familiaricen cos carros de combate e os fusiles metralladores. Cando Indurain era un heroe nacional ninguén fixo o cálculo de cantos ciclistas morreron nas estradas a raíz da moda que desatou (non foi culpa deles, evidentemente) e ninguén se preocupa de se a omnipresencia de Fernando Alonso (ese actor de publicidade que ocasionalmente fai deporte sentado) ten algún efecto nocivo na forma de conducir dos seus imitadores. Está ben. Agora levamos unha temporada de motos e iates a todas horas. A televisión pública, pensando sen dúbida na súa función social e educativa, comprou os dereitos deses dous asuntos (ou deportes) por unha millonada que agora hai que rendabilizar. En Valencia, día si día non, ou non hai vento ou hai borrasca, pero tanto ten: os equipos alí desprazados teñen que xustificar a súa presenza nese aburrimento monumental dos balandros. A cousa vai mellor nos circuítos das motos, onde os adolescentes españois, montando as súas máquinas de multiplicar a contaminación por cen, gañan premio tras premio. Soa o himno sen letra e todos contentos. Logo, cando o presentador devolve a carísima conexión satélite aos estudios, Ana Blanco ponse seria e di: «Ahora tenemos que hablar del calentamiento global, un problema cada vez más grave...». Eu non sei se o calentamento global é un problema moi grave ou non, ou se a violencia nos medios inflúe no comportamento dos rapaces, ou se os accidentes son culpa só dun tipo que tomou unha cervexa, como nos din. Pero cando escoito eses sermóns laicos que nos botan a todas horas recoñezo que non podo evitar que se apodere de min un escepticismo volteriano; porque son as mesmas caras, as mesmas voces, as que me din unha cousa e a outra: que a anorexia é mortal e que se abre a inscrición para un concurso de modelos no que está prohibida a gordura, que correr é malo pero que Fernando Alonso é un exemplo positivo para os rapaces. Iso si, escóitoos con gusto, porque a hipocrisía, con todo e ser un defecto, non deixa de ter a súa graza.