ALGO mudou na república dos soños do Couto Mixto, como a definiu alguén. Este ano 2007 marcará un fito, unha data que permanecerá cicelada na lumieira da historia particular deste cachiño de terra galega, que durante séculos perviviu como un espazo privilexiado entre os reinos de Portugal e España. Xosé, Serxio ou Cesáreo, homes de acordo das aldeas de Rubias, Meaus e Santiago, xa non representan a un pobo esvaecido na brétema histórica, mergullado no esquecemento das institucións e da memoria colectiva. Non. Estes amigos senten, xunto aos demais veciños, o lexítimo orgullo de pertencer a un grupo, a unha tribo con personalidade histórica. Os maiores do Couto Mixto xa están a ser feridos pola emoción do rexurdimento dun lugar singular, o seu, o dos seus devanceiros, ignorados durante moito tempo. Tiveron que pasar cento corenta e tres anos para que o nome do Couto Mixto figurase en documentos oficiais de calibre estatal, os diarios de sesións do Congreso dos Deputados e do Parlamento de Galicia, mercé ás proposicións non de lei dos deputados don Alberto Fidalgo e dona Laura Seara, respectivamente, coa finalidade de obter o recoñecemento da singularidade do Couto Mixto como enclave histórico-cultural. E todos os grupos políticos engadíronse a esta iniciativa rachando o silencio que principiou hai preto de século e medio, cando se asinou o Tratado de Lisboa de 1864, o auténtico tratado de lindes vixente entre os dous países irmáns. Un pobo do que non se fala non existe. Hoxe o Couto Mixto retorna a estar na letra impresa e nas conversas. Mesmo chegou o tempo de que sirva de lugar de encontro de parlamentarios de alén e de aquén da fronteira, así como de representantes dos concellos das dúas beiras da raia para defenderen os seus proxectos comúns e comezar un tempo novo. O vindeiro sábado, día 7, no sacro da igrexa de Santiago dos Mixtos, imos nomear aos xuíces honorarios do Couto Mixto 2007. Alí, sobre as laxas do chan da vella construción relixiosa, que cobren as cinzas dos antigos veciños, vaise oficiar un acto que devolverá algo que lles debemos ao lugar e aos seus habitantes, a súa autoestima, conscientes de que ollaron a primeira luz nun enclave privilexiado, regado e sementado polo suor e as mágoas de xentes que agroman unha nova primavera no val do río Salas e nas ladeiras da serra de Pena.