Hoxe vemos documentais e películas que retratan un universo cheo de galaxias, así que sorprende que non fose ata 1925 cando a comunidade científica soubo que no universo hai máis galaxias que a nosa. Descubriuno o astrofísico norteamericano Edwin Hubble (1889-1953), quen dende aquela ocupa un posto central na historia da ciencia. Pero aínda deu un paso máis: en 1929 anunciou que o universo está en expansión e que, canto máis lonxe está unha galaxia, máis rápido se separa de nós. Esta é outra gloria científica, posto que encaixou a visión do universo dada pola teoría xeral da relatividade de Albert Einstein. Foi tamén o arranque da teoría do Big Bang, proposta por primeira vez polo sacerdote e físico belga Georges Lemaître (1894-1966). Cóntolles isto porque está saíndo á luz un pequeno escándalo histórico: Lemaître descubriu a expansión do universo antes que Hubble, anunciouno nun artigo en francés en 1927 e, cando llo traduciron en 1931 á versión inglesa (que era a máis difundida), alguén «borrou» as páxinas nas que contaba o seu descubrimento. Sospéitase que esa man negra o fixo para que Hubble quedase con todos os honores.