Seguimos sendo diferentes

OPINIÓN

23 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O triste espectáculo da tirapuxa entre Madrid e Barcelona, pelexando por un inmenso «puticlub», como calificou certo político o proxecto Eurovegas de Adelson Sheldon, remítenos a un mundo de esperpento, ou máis ben propio dalgunha das películas de Berlanga. É como se cada día distásemos máis de ser un país serio.

Son ben coñecidas as esixencias do señor Sheldon en canto a modificación da lei do tabaco, inmigración, relacións laborais, fiscais (dez anos de práctica moratoria fiscal), un insulto en toda regra para os habitantes dun país intervido e que viven condenados a pagar por moitos anos as débedas que certos delincuentes concertaron coa banca alemana.

Instaurar un paraíso fiscal neste país, ademais de outras excepcións, merece os parabéns de alguén a quen lle está encomendado loitar contra o fraude, porque, di, o diñeiro non ten color. Por suposto, o mutismo da Conferencia Episcopal é enxordecedor, faltaría máis

Esa sorte de insulto ao país (claro que o é que esas esixencias se tomen en conta, e con qué fogaxe), semella non parecerlle nada mal ao Goberno, tamén disposto a ver qué se pode facer. Esa noxenta excepción proposta polo señor Sheldon merece tamén o entusiasmo de certas preclaras mentes que defenden a berros que se rabenen competencias autonómicas, ou aínda que se supriman, posto que o seu lúcido pensamento se reduce a aquilo de «a los nacionalistas, ni agua».

Desconcerta a facilidade con que algúns poden vender o país, e esquecer os seus principios, e tanto lles custe comprender as esixencias de certas comunidades que non piden ningunha excepción, nada que atente ao ben común, nada que non incremente o acervo de todos. Seguimos na nosa teima de seguir sendo diferentes. Ao parecer, para toda a eternidade.