Sen dúbida que o disparate é unha das características máis sobranceiras do noso tempo. Hai unhas décadas, moi poucas, non eran nin imaxinables estafas das dimensións de Banesto ou Gürtel, nin políticos manexados polo poder financeiro, nin estafas de orde mundial como a que aínda nos ten entangarañados.
Vivimos no disparate diario, dende o dunha alta autoridade xudicial, que se doe de ter que viaxar como viaxan os máis, cousa que xulga ofensiva, ao disparate dos que entregan un ben de todos -a sanidade pública, por exemplo- aos seus amiguetes para que estes fagan o gran negocio a conta do que entre todos fomos construíndo ao longo de moitos anos. Un ben de todos convertido nun negocio duns poucos, ou os pobres financiando os negocios dos ricos.
Por non falar das especiais consideracións que merecen os estafadores, a condición de que sexan de grandes dimensións, para os que sempre hai amnistías e especial miramento. Nin do trato especial a certos delincuentes, merecentes de indultos que ninguén entende, ou que só se entenden dende o mais noxento compadreo.
Hai incluso xente que non se sente rebaixada nin aldraxada se lle din, aínda que o común dos mortais non teña nin para subsistir, que os incrementos dun case 30 por 100 dos emolumentos dun político mentireiro son «pluses electorais» e non incrementos da súa paga. Lóxico que os socios europeos empecen a intranquilizarse.
En calquera caso, a megalomanía envolve o disparate: ela vai sempre á par deste, necesítanse e compleméntanse. Unha e outro medran cada día conforme se van retroalimentando. É visto que estamos mergullados de cheo nunha inversión de valores que ameaza a saúde da nosa sociedade. E que, infelizmente para todos, vai ser máis difícil de superar que calquera outra crise.