Prestixio das institucións

OPINIÓN

04 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Un país non pode manterse en pé sen institucións ou con elas en desprestixio. Porque son a manifestación máis completa e duradeira da súa realidade global, o seu esqueleto, a súa síntese. Como é ben sabido, son o máis visible, simbólico e representativo dun país.

É moi visible entre nós o total desprestixio das institucións políticas, dende as máis insignificantes, se algunha así pode ser conceptuada, ata a situada no máis alto cumio de todas elas. Desprestixio que, en xeral, xorde da cobiza e non da ambición, dos apetitos máis rastreiros e das condutas menos edificantes.

Nin sequera se salvan as institucións culturais. Entre os casos máis recentes e sobranceiros está o da Real Academia da Historia confundindo a propaganda coa ciencia histórica. Entre os poderes do Estado, o da máis alta autoridade do poder xudicial, asegurando nunha entrevista na televisión, que non se sinte ben considerado viaxando en clase turista ou non reservada para xente moi importante.

Non quixera pensar que o que está pasando na RAG afecte ao seu prestixio. Pero deduzo que nada tería pasado se, no seu día, fosen informados os académicos de situacións que, na clandestinidade, poden ser consideradas anómalas ou impropias. Estou certo de que, de terse procedido con aberta claridade, non estariamos na esvaradía situación en que hoxe nos atopamos.

O que verdadeiramente importa é se dunha vez aprendemos un e outros a respectar as institucións. Con todas as súas eivas, pode que a RAG sexa hoxe a única institución galega que temos, a única con sentido de país -que non teñen os seus gobernantes-, a única que non é traidora á nación galega. Sería un crime traizoar ese ben, ese ancho herdo noso, ese símbolo máis visible e representativo do país.