Dende o segundo mandato de Mitterrand, Francia deixou de ser aquel «laboratorio de experiencias políticas» que dixera Engels. Experiencias que se foron asentando dende 1789 a 1968, pasando polos acontecementos de 1848, Comuna de París de 1871 ou Goberno de Fronte Popular dos anos 1930.
Homes como Camus ou Sartre, como Malraux ou Aron, entre outros moitos, mantiñan moi alto ata hai ben poucos anos a supremacía ideolóxica de Francia, paréceme que sen comparanza con ningún outro país europeo. Os mesmos franceses, con tal de apareceren como exportadores de cultura, aceptaban e aturaban a autores cos que estaban moi lonxe de se identificaren.
Nos nosos días, Hollande non representa ningún enfrontamento coas ideas neoliberais de Sarkozy: é sen máis un continuador da política do segundo Mitterrand, ou sexa, das ideas que impoñían Reagan e Thatcher, e que seguen no noso tempo, por máis que sexa evidente o seu universal fracaso. Nin, por suposto, ten o país veciño ningunha influencia cultural que resista comparanza coa intelectualidade a que antes fixemos mención.
Nin sequera se manteñen, nin en Francia nin en ningures, os ideais que seguiron á Segunda Guerra Mundial, consistentes, en resume, na democratización do capitalismo. Este, como é sabido, é cada día menos democrático, cada día máis impositivo e máis descoñecedor de dereitos que tantos anos de loita custaron.
¿Que pasa para que tanto nos custe volver ás ideas de solidariedade, de reparto máis racional dos bens, dunha máis axeitada política fiscal e demais decisións a prol dun futuro mellor? ¿Ou para que esas ideas de sempre se saiban formular de novo sen pexas para que realmente operen na realidade e a transformen? ¿Por que este camiñar, sen volta visible, da esquerda para a dereita?