Un vello amigo, non moi dado á lectura, hai que dicilo, pídeme consello para agasallar un libro a unha dama. ¿Por que un libro? «Sentinche dicir nunha ocasión que, despois do acto de amor, non hai nada máis intenso, máis íntimo e máis erótico que a lectura». Certo. Erótico quere dicir estimulante, activador, e reafírmome na idea de que esa cápsula de escuridade en cuxo interior nos instalamos e que nos arreda do mundo cando lemos un libro que realmente nos apaixoa é algo que dificilmente se produce en calquera outro proceso de comunicación, agás o encontro amoroso. Cando lemos, entregados de verdade á lectura, todo o que está fóra de nós non existe, unicamente a intensidade (erótica, insisto) da comunicación, abducidos pola fascinación do texto. As intencións do meu amigo son evidentes.
¿En galego ou en castelán? Trátase de definir a receptora. Un libro non se agasalla sen coñecer a quen o vai recibir. Os lectores/as que len en galego len tamén en castelán (e ás veces noutras linguas), cousa que non sempre sucede á inversa, o que plantea un universo de curiosidade, un ámbito de exploración máis rico, máis aberto, unha disponibilidade lectora más dinámica. Prefiro non falar de títulos, a tanto non chego. ¿Ofertas de actualidade? Depende. A boa lectora (ou bo lector) mergúllase alén das modas. Un dos seus praceres consiste na descuberta, e na sorpresa, alén das propostas da mesa de novidades, efímeras por natureza.
Máis que de títulos, prefiro falar de xéneros. O ensaio resulta neste caso demasiado intelectual, demasiado cerebral. O ensaio está para a amizade. Se queremos dicir algo máis, mellor a novela, ou a poesía. Tampouco libros prácticos, moito menos autoaxuda. Estase a celebrar estes días a Feira do Libro da Coruña que é, sen dúbida, a feira do libro máis activa e importante das que se celebran en Galicia. Percorremos xuntos as casetas. O primeiro que chama a atención son as cubertas. As cubertas son o primeiro que fala dos libros. Non só anuncian o que poida haber no interior (o relato) senón que nos condicionan psicoloxicamente para a lectura. Teremos ocasión de falar noutro momento deste diálogo (paratextual) entre autores, editores e lectores a través das cubertas dos libros. Non son inocentes, nin neutras.
A poesía é a intensidade. Non parece unha mala elección para iniciar un achegamento. Mais esixe unha dispoñibilidade especial por parte da lectora. Non todo o mundo accede doadamente á poesía, territorio das esencias e da comunicación máis íntima, tamén máis selectiva. Se non está moi seguro das afeccións dela, mellor a novela. ¿Que clase de novela? Volvo ás características da receptora. Depende. Aquí a escolla é fundamental. A comunicación establécese a través da historia, o universo do relato, as accións e as reflexións que o texto evoque. Fala o autor (ou autora), fala a lectora (que reconstrúe a narración a través de si mesma) e fala, neste caso, o meu amigo, que agasalla e fai a proposta. Nada é inocente, repito. Todo significa. Oxalá que acerte.