O s lumes forestais son a eterna materia que en Galicia durante décadas vimos deixando para setembro, confiando nas choivas preoutonais. A pesar de termos gastado máis de 2.000 millóns de euros en extinción e prevención dende o principio dos anos noventa, cos que se poderían ter cofinanciados fondos estruturais europeos por valor de máis de 6.000 millóns. Un diñeiral co que resolver a falta de profesorado no ensino público, a construción de hospitais ou conectar o AVE coa Meseta.
Cómpre abrir os ollos votantes e gobernantes e recoñecer que temos un problema de adicción ás políticas para a cinza que se reducen a transportar a prezo de ouro cuadrillas e auga aos montes para sufocar nunhas horas un problema que deixamos incubar durante meses e anos. E así, cada verán mergullámonos nun barullo político-mediático que non nos deixa ver o obvio. O monte arde polo abandono do medio rural. En todas as sociedades avanzadas aquilo que non xestiona a man humana conseguindo espazos produtivos habitados, o acaba xestionando o lume, como nos recordan lumes catastróficos periódicos en países do noso entorno europeo como Portugal ou Grecia.
¿Alguén pensa que a situación dos lumes sería a mesma sen o abandono do rural galego? ¿Non habería unha mellor situación se a Xunta de Galicia tivera desenvolvido nestes anos os 80 MW de potencia de biomasa que dormen nos caixóns dos despachos, e que terían suposto a limpeza de 800.000 toneladas de leña ao ano? ¿Non melloraría a prevención se houbera máis prados e cultivos en produción, facendo de cortalumes naturais entre o mato e o arborado en vez de miles de hectáreas abandonadas dando continuidade ás superficies forestais? ¿E como conseguir reverter ese abandono se no último ano do período de investimento dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rural apenas se leva gastado a metade, e a outra metade haberá que devolvela a Bruxelas? ¿Como imos ter xente na actividade produtiva se sectores punteiros como o avícola ou o lácteo se deixan crebar por non molestar ás multinacionais da distribución alimentaria? ¿Por que non seguir exemplos como os de Alemaña ou Dinamarca, nos que as cooperativas de gandeiros son propietarias de ata o 20 % dos parques eólicos, mentres que en Galicia se fixo todo o posible para que quedaran sen esta posibilidade de ingresos complementarios e estabilidade de renda, cando nos montes galegos hai instalada unha potencia eólica equivalente a 3 centrais nucleares?
Non imos ser capaces de resolver este problema medioambiental sen unha aposta da sociedade galega polo seu medio rural, con propostas e proxectos adaptados ao século XXI. Modelos de éxito dos que aprender non faltan, como en Francia, con máis porcentaxe de PIB derivado da agroalimentación que da automoción. Só hai que ter vontade política de aplicalos e sensibilidade social para esixilos.