Toda a luz do mundo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

05 ene 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago vén de ofrecer en edición facsimilar un texto non demasiado coñecido, aínda que moitas veces citado, de Francisco Fernández del Riego (1913-2010), de quen ao longo do ano que acaba de rematar celebramos o centenario do seu nacemento. En realidade o centenario cúmprese o próximo martes, día 7, data na que a RAG homenaxea á súa persoa nun acto literario na sede da rúa Tabernas, que cerrará o ciclo de conmemoracións. Ese mesmo día, de 1950, falecía Castelao no exilio de Buenos Aires.

O texto que recupera a USC, en edición ao coidado de Henrique Monteagudo, ilustra un capítulo especialmente interesante da historia (e intrahistoria) da cultura galega do pasado século, e mesmo da política galega: o movemento estudantil e universitario que axitaba as aulas compostelás no tempo da Segunda República, tempo de transición e entusiasmo, que gustaba dicir Rafael Dieste, tempo de esperanza e de cambios, tamén de axitacións. Ricardo Carballo Calero abordou estas experiencias nalgúns textos memorialísticos, igual que o propio Fernández del Riego, mais a lectura deste documento (o discurso dun estudante de 20 anos que participa nos actos inaugurais da universidade compostelá en 1933) resulta revelador. Aquí están as demandas, estratexias e proposicións que os elementos máis activos da intelectualidade galega daquel momento (e dos sectores máis novos daquela intelectualidade) levantaban para construír o futuro.

O discurso de Fernández del Riego, que non pasou sen provocar as críticas dos sectores máis conservadores da institución, titúlase: La Universidad gallega ante el momento actual, así en castelán, por obriga das disposicións vixentes, segundo advirte o autor na súa intervención. Paga a pena a súa lectura. Oitenta anos despois moitas daquelas demandas están conseguidas, senón totalmente, dun xeito importante: a construción dunha universidade galega, comprometida co desenvolvemento do país, con presenza da lingua e da cultura de noso nas aulas e nos programas docentes, a incorporación de axentes novos que a vivificaron, a ampliación de recursos dispoñibles, a formación do capital humano necesario para o seu desenvolvemento. Mais tivo que pasar máis de medio século, logo da desfeita da guerra civil, que tronzou tantas esperanzas, para que empezasen a aflorar algunhas. Máis de medio século perdido, que houbo case que reconstruír de cero.

«Cultura, universalismo, son las fases de nuestro galleguismo -proclama Del Riego- que precisamos para pulir las aristas de insensibilidad e incomprensión, para aprovechar las enseñanzas materiales de los países más adelantados». E engade: «¡Reflejar toda la luz del mundo en nosotros!». Tiña o autor, repito, 20 anos. Hoxe homenaxeamos en Boisaca a Isaac Díaz Pardo (1920-2012), que nos deixou hai dous anos. Outro daqueles xigantes que lograron o que parecía imposible: torcer ou recuperar o devalo da historia, para que non estiñase a esperanza. Está por ver o que lograremos os que viñemos despois.