O custo dun sol

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira EL MIRADOR DE LA CIENCIA

OPINIÓN

16 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Se dous núcleos de átomos de hidróxeno se aproximan o suficiente, fusionaranse para crear un novo. O curioso é que o novo pesará menos que os dous anteriores xuntos. ¿Onde vai o que falta? Desaparece, convertido nunha enorme cantidade de enerxía, como albiscara Einstein en 1905. O Sol funciona con ese proceso, xuntando os núcleos ao besta coa súa forza de gravidade. Se conseguísemos facer iso aquí, solucionaríamos o problema enerxético, e sen contaminación. O malo é que xuntar eses núcleos é moi difícil. O proxecto internacional ITER (idea ruso-ianqui para aliviar as tensións da guerra fría nos 80) intentará facelo cuns imáns moi potentes, pagados entre varios países, aínda que o Goberno de Obama acaba de dicir que revisará a súa contribución, debido a un sobrecusto duns 2.600 millóns de dólares. Será casualidade, pero hai unhas semanas un equipo dos EE.UU. conseguiu gañar un 1 % de enerxía neta cunha estratexia de fusión distinta: empuxar a base dos chispazos (de milmillonésimas de segundo) dun láser coma un campo de fútbol, que en cada chispazo bota tanta enerxía coma a dun camión a 150 km/h.