Perversidades da linguaxe

OPINIÓN

07 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Aperversidade da linguaxe é a primeira perversidade da mente. Unha perversidade propia, pero non exclusiva, do totalitarismo, dos Gobernos e das mentes autoritarias e simplificadoras, porque non poden aturar a transparencia nin a verdade, inimigas sempre ao asexo en casa esquina.

Xa nos imos afacendo a que nos digan reformas e non recortes; a desfigurar emigración con mobilidade exterior; a que se igualen seguridade e liberdade; a que nos neguen a memoria histórica porque saber pode reabrir feridas; o aborto é contrario á vida pero non matar de fame explotando a países enteiros; a banca non rouba nin estafa -só está desregularizada-; xustificar o inmobilismo político coa invocación á Constitución; demonizar as lexítimas reclamacións territoriais co alcume de separatismo, ocultando que tamén hai separadores; a crecente pobreza da nosa sociedade non é tal, é que estamos facendo axustes.... Perversidade lingüística e tamén ideolóxica, que acostuman ir xuntas.

Ao seu servizo ponse toda a artillería mediática e de propaganda, estatal ou non -moitas veces aínda é máis visible a non estatal-, de maneira que esas cuestións, entre outras moitas que sería moi longo só nomealas, métense nas cabezas das xentes mesmo a martelazos e son asimiladas case que como por osmose.

¿Con que medios conta a sociedade para se defender dese boureo mesmo infernal? Os cinco ou seis xornais de máis difusión están ao servizo dos seus amos, que é o capital, e algo semellante pasa coa televisión. A situación de inferioridade non pode ser máis clara. ¿Estaremos indo xa para unha sociedade desequilibrada na que o concepto de igualdade só vai ser unha lembranza do pasado? ¿Non estaremos recuando cara a algo semellante a unha sociedade feudal?