Vaian a clases de debuxo, por favor

María Pilar García Negro < / span>

OPINIÓN

16 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Case poderiamos falar de subxénero literario. Refírome aos comentaristas, articulistas, politólogos (que prestancia teñen as polisílabas esdrúxulas!) e escrebedores en xeral que practican adoito o deporte de desacreditaren ou ridiculizaren o nacionalismo galego. Como primeira hipótese, ocórresenos que se deba a que esta corrente de pensamento e de praxe política sexa a culpábel da agonía do naval galego, dos baixos prezos do leite, da contracción constante na pesca, da estafa derivada de produtos bancarios, do 21 % do IVE cultural? Desbótoa axiña, pois non lle vexo traza. Será, talvez, porque o seu poder político-institucional é tan grande que mal deixa espazo para outras opcións partidarias que a duras penas subsisten no océano pannacional galego, o cal suscita a conmiseración dos antecitados comentaristas. Tamén non me saen as contas. Inclusive cheguei a pensar se o BNG podía ser reo de votación bífida, unha no Parlamento galego e a contraria no Congreso (sanción fiscal para os emigrantes retornados, preferentes); mais, na verdade, este dualismo perténcelle ao PP.

Daquela, e a base de moito darlle á cabeza, non pensen, decátome de que a resposta a semellante incógnita é ben sinxela: a culpa do nacionalismo galego é, simplemente, existir, o cal impide que a diarquía do bipartidismo español se consolide.

Non é monárquico o BNG e tampouco é diárquico. Por moitos ataques e ameazas que padecese, por moitos vaivéns eleitorais, vive e existe, na súa formulación contemporánea, desde hai máis de 30 anos, por non falarmos de que resulta -para quen teña a ben coñecer algo da historia da Galiza- continuación dun pensamento, conciencia sobre o país, cultura en lingua galega e alternativas baseadas no principio da autoorganización, que se remontan ao ecuador do século XIX. Debérase ler algo máis os nosos clásicos, de Rosalía de Castro a Carvalho Calero, dos Vilar Ponte a Castelao, de Otero Pedraio a Marinhas del Valle. E tantos máis?

A sentenza machadiana «desprecia cuanto ignora» (Castilla) é reversíbel: tamén se ignora o que se despreza. Cal é o grande pecado do nacionalismo galego? Pór diante de nós a nosa condición de galegos. Considerar o galego non un locativo, ou un complemento circunstancial ou un apósito ritual, senón a matriz esencial para a comprensión do que nos pasou historicamente e do que nos pasa no presente. Ousar enunciar os problemas da Galiza e identificar os seus causantes. Propor alternativas viábeis e factíbeis para que a Galiza viva dos seus recursos e os seus habitantes podan aquí traballar.

Por todo isto e coa maior cordialidade, recoméndolles aos que tanto molesta o BNG que vaian a clases de debuxo, a fin de melloraren a arte da caricatura. Cómprelles. En se aplicando ben, quizabes se aproximen á xenial de Castelao en Cincoenta homes por dez reás. Todo é probar.