Cando a toma de posesión de Felipe VI, que non coroación, no programa Vía V, de V Televisión, Fernanda Tabarés pediu aos presentes comentar unha cita de Castelao sobre o carácter caduco da Monarquía e a súa confianza na República, a conto da referencia a Castelao no discurso do rei. Coincidiron quen falaron en situar no seu tempo e contexto o republicanismo de Castelao porque descontextualizar é o primeiro paso para manipular. Menos cauto estivo o presidente da Xunta na entrega das medallas que levan o seu nome, atribuíndose a capacidade de imaxinar as aspiracións actuais dun político, galeguista, republicano e exiliado como Castelao. Fíxonolo monárquico á machada para pasmo dos pasmados pasmarotes que ficamos todos.
Ninguén pode falar polos mortos porque xa fixeron e falaron. Ninguén pode falar por Castelao. Porque el xa dixo canto tiña que dicir por escrito, por acción e debuxado. Pódese lelo e interpretalo, comentalo e esmigallalo, mesmo transformalo a forza de reviricocadas análises e reviravoltas dialécticas. Pódese escoller unha das moitas facianas, etapas e opinións -tan contraditorias como a historia- para construír un Castelao, pero non falar por el. Tal fixo Núñez Feijoo na entrega das medallas que levan o nome do político de Rianxo. Fixo máis, cualificou de desafortunada a República na que tantos -de Castelao ao avó de Rajoy- traballaron politicamente -coas consecuencias coñecidas- para plebiscitar un Estatuto para Galicia, precisamente ese mesmo 28 de xuño no que se entregan, por esa razón, as medallas Castelao. Item máis chamou «capricho da Historia» á «longa noite de pedra que veu despois». Disimulen a posible inexactitude porque o discurso non está aínda colgado na web da Xunta; o último que aparece é de hai oito meses. Non era un acto para defender a Monarquía, usando a Castelao, tampouco para denigrar á República e trabucar o presente trabucando a historia.
Hai uns meses, na City University of New York, nun acto apoiado e presentado por membros da Administración galega, debateuse por enésima vez a persoa e a obra de Castelao para lembrar os 75 anos da súa chegada a aquela cidade en 1938 como enviado da República en guerra para apoiar a súa resistencia en plena batalla do Ebro. Alí colleuno a derrota e malviviu o seu primeiro exilio ata que, no 1940, marchou a Buenos Aires. Destacouse o poliédrico da súa traxectoria e, sobre todo, o frustrante do seu final como ministro do Goberno da República no exilio que en 1946 intenta convencer ás democracias aliadas de rematar coa ditadura colaboracionista que quedaba en Europa despois da derrota do Eixo.
Nin a República foi un caos nin a dereita a tombou. O golpe de Estado do 36 -os caprichos son de Goya- dérono uns poucos militares con moita decisión e uns señoritos falanxistas extraparlamentarios aos que ninguén facía caso e que despois de non lograren ningún deputado acrecentaron a súa dialéctica de puños e pistolas.
A manipulación do franquismo foi exitosa. Chegou a hoxe porque tivo tempo e medios. Foi orwelliana. Co stalinismo e o nazi-fascismo partillou época e medios. Aquilo pasou e hoxe a ignorancia ten remedio, cúrase lendo.