Dicía sempre meu pai que a vida consiste en seguir mirando cara adiante, que mentres haxa horizonte hai camiño, pois ao cabo a vida é unha viaxe. O malo é cando perdes eses horizontes e ficas aboiado, sen saber nin a onde vas nin a onde queres chegar. Mais cada paso que das é unha conquista, e debemos consideralo unha celebración. Vén a conto o preámbulo polas datas en que estamos: Día de Galicia, Día Nacional de Galicia, Día da Patria Galega, afirmación galeguista que se conmemora dende os primeiros días das Irmandades da Fala (van cen anos dende entón), ás veces fóra do país, porque as circunstancias políticas non permitían facelo na Terra, ás veces disimulada noutras liturxias (a Misa de Rosalía, por exemplo), pero que, mesmo con diferentes denominacións ou sensibilidades, vén dar sempre no mesmo: a reivindicación de Galicia como nación, como identidade de noso, «célula de universalidade», dicían os clásicos, afirmada na lingua e na cultura, nas nosas características diferenciadas e na vontade das nosas xentes, de todos nós. Non vou falar de política. Ou si, porque a política (na súa acepción máis nobre e etimolóxica) está en todo. Non vou falar de etiquetas nin de competicións de partido, quero dicir: opcións lexítimas, pero en moitos casos demasiado excluintes. Quero afirmarme na dimensión civil. O país, a cidadanía, está aí, e a súa vontade exprésase a través das iniciativas que é quen de poñer a andar.
Hai poucos días que se presentou en sociedade a Fundación PuntoGal, territorio propio na inmensidade global da Internet coa marca identitaria de Galicia. O espazo dos galegos e galegas en Internet. A partir dos próximos meses, os particulares, as institucións, as fundacións nosas, as empresas (¡atención á dimensión económica do proxecto!) dispoñen dun distintivo autónomo que as recoñece no mundo como tales, conquista na que os seus promotores levan traballando dende hai anos e que, co apoio dun amplo espectro institucional e privado, vén de lograr á fin o recoñecemento do ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers), entidade responsable da asignación de dominios e enderezos de IP no ciberespazo. Xa temos sitio de noso.
Podemos consideralo coma o recoñecemento internacional da existencia operativa da Galicia como nación e como cultura. Noutra destas mareas comentabamos (e celebrabamos) a plataforma que este periódico inaugurou hai poucos meses pensando nos centos de miles de galegos e galegas que no mundo se recoñecen coma tales e para os que cómpre establecer espazos de comunicación e interrelación: GlobalGalicia.
Outra iniciativa civil, que de seguro que non ha ser a única.
Iniciativas de base que falan dun país que está vivo (e activo). O PuntoGal é un paso máis, institucional e ambicioso, que acaba de ser recoñecido de xeito oficial. Cada paso é unha conquista, repito. Unha cultura que non está no mundo, instalada nos desafíos (e oportunidades) das novas tecnoloxías da comunicación, é unha cultura morta, ou derrotada. Evidentemente, afortunadamente, non é o caso. Parabéns.