Os apagalumes dos incendios do sistema político, dos que fala con tino Albino Prada nestas páxinas, teñen cada vez máis traballo e menos éxito. Unha teipa fura paseniñamente o sistema construído na transición. Non é a cuestión catalá -desafío, na linguaxe oficial-, tampouco a reforma constitucional de Zapatero-Rajoy sen consulta que nos deixou pasmados, nin o autodesprestixio da monarquía, nin sequera o austericidio, que quere sacarnos da crise autoinducida menos ricos aos máis e máis ricos aos menos. Non. A extrema fraxilidade da democracia española, tal como está constituída e exercida, óbrase na blindaxe dos grandes partidos en asuntos como o accidente de Angrois de hai un ano ou hoxe a conta do accidente da A-8 no Fiouco. O mesmo acordo sistémico que serviu para salvar a Pujol da fiscalía anticorrupción no seu día e que hoxe serve para defenestralo no momento oportuno. Pero, como dicían tamén nestas páxinas Blanco Valdés e Campo Vidal, a confesión de Pujol confirma a marca dunha época e o carácter sistémico da corrupción.
Nada incendia máis o sistema que o empeño en aparentar que todo funciona, mentres se nega que o Parlamento coñeza a corrupción nas persoas dos tesoureiros do PP, os sobresoldos que cheiran a suborno, os empregos de Baltar ou as relacións entre o narcotráfico e a política. A democracia como forma de organización e goberno xógase en termos populares en cuestións como a de Angrois. Non é certa a ladaíña inventada no Goberno longo socialista de que aquí non dimite ninguén. Ata o rei dimitiu xa. O difícil é que o Parlamento represente a vontade cidadá de indagar, clarificar e responsabilizar politicamente aos corruptos e aos irresponsables. Todo se lle pasa aos xuíces, pero a Xustiza nin dá feito nin pode facer o que corresponde ás institucións políticas. Foron os partidos minoritarios os que recorreron primeiro á Xustiza, atoada como estaba a vía parlamentaria; despois pantasmas como Manos Limpias tiráronlle un zume ás denuncias xudiciais que algúns partidos e algúns medios quixeron aproveitar insensatamente.
A democracia americana, a británica ou a francesa utilizan as comisións de investigación parlamentarias en beneficio do sistema político, para transparentalo e depuralo cando sistemicamente é requerible. Por iso tivo que dimitir Nixon no seu día. Actúan tarde ás veces, pero sempre de forma inexorable. Nas televisións norteamericanas pódense seguir en directo as comisións de investigación que se forman para determinar as responsabilidades sobre asuntos do máis dispar. Protexen ao sistema e implican aos cidadáns na solución das constantes derivacións espurias da política, a xudicatura e mesmo ás veces as empresas.
A incapacidade para que o asunto de Angrois sexa analizado politicamente polos nosos representantes no Parlamento galego, ou no español, reflicte a fraxilidade do sistema, polas implicacións políticas e económicas que atinxen ao bipartidismo, as grandes corporacións estatais e empresariais.