A falta de respecto á cultura é típica de todos os simplificadores, dende os dictadores ata os inquisidores, pasando polos intermedios, que os hai de moitas categorías. O lema dos inquisidores, simpliciter et de plano, ben podería ser común a todos eles. Importan pouco as boas razóns, abonda coa utilidade das que un crea ter.
Pois a cultura é riqueza e vida, é buligar de conflictos e de contradiccións, é sempre complexidade. Ela é a que nos redime da nosa escuridade biolóxica. Por iso aqueles resolven a cuestión negando a súa complexidade e se quedan co que lles serva para mellor decorar ou encher tantos ocos e baleiros. ¿Xa temos esquecidos os censores de Franco, que resolvían o que non se podía ler, representar ou publicar? ¿Ou será que algúns nunca o souberon ou non quixeran sabelo?
A falta de respecto á cultura é unha mostra máis de primitivismo e de barbarie ?de incultura, ao cabo?. A ignorancia acostuma ser arrogante, pode xerar decisións que, en mans de incultos satisfeitos, seguro que van xerar toda clase de desfeitas, como a experiencia nos ensina.
Esta falta de respecto, esta incultura, pona moi ben de manifesto o caso Filgueira: os simplificadores quixeran descoñecer a súa enorme dimensión cultural, a súa aberta e acesa defensa do ensino en galego, o seu saber enciclopédico sobre o país, e, dende o poleiro da súa ignorancia, resolven que non é merecente de ser o persoeiro das Letras Galegas 2015.
Esa era xustamente a maneira que tiña Franco de facer política: existía o que el quería que existise e o demais, sinxelamente, era inexistente. As razóns non importan, maiormente as dos demais. O que importa é a negación ?a supresión? do problema. Ao mellor algúns avantaxan hoxe a Franco. Ao menos aseméllanselle moito.