O mar desde A Curota

Uxío Labarta< / span> CODEX FLORIAE

OPINIÓN

02 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucos días ven de se aprobar unha nova Lei de Pesca marítima. Fala de sostenibilidade, da pesca ilegal, e de seica novos criterios que servirán para modernizarmos. Unha nova lei que estará na vangarda das leis do mar que no mundo hai.

Eu sinto que os parlamentarios, funcionarios, mesmo algún despacho de avogados de nombradía, que puideran ter tamén participado nela, non coñezan o mar da Curota. Aquel que permite ollar unha ría de Arousa ateigada de bateas, e un chisco de Noia e Muros, arrodeadas polos homes que desas ría viven, e mais aló o Atlántico.

Subir ate A Curota dende a Pobra do Caramiñal, ou facer o camiño longo dende Noia polo Iroite, achéganos a un mar dos que non andan nas leis. Para ben e para mal. Para ben, por canto aquela serra do Barbanza sigue agochando misterios e os mundos mareiros máis singulares dos que un coñeceu. Para mal, porque todos aqueles homes que viven arrodeando eses mares, e mais aqueles que os gobernan, non dan comprendido canto do que co seu abandono e mal facer estraga eses mares.

Por iso, se eu fose bateeiro, ou parquista, ou mariscador de sacho ou de raño, ou andase ao xeito ou o trasmallo, ao medio mundo ou as nasas, se traballase coa raña ou a fisga para o polbo, e viñeran coñecerme eses que agora poderán vir comigo ao mar para esa nova industria de turismo que a nova lei regula, ou ben foran parlamentarios galegos, ou de España ou da Europa do Camiño, interesados, sempre con chisco aqueloutrado de antropólogos por observar ao mar galego, levaríaos primeiro de todo á Curota. Comprenderían así, polos seus ollos, de que mar falamos, ou lexislamos, ou gobernamos. Ou que mar levamos estragado. O día que levei ao meu paisano chairego, de Belote, o lobo Raimundo non quixo volver ás fragas de Lagostelle enguedellado como quedou do mar da Curota. De ese mar que estragamos e que non hai lei, nin decreto, nin regulamento, nin inspección pesqueira, de uniforme ou sen el, que lle poña arreglo.

Semella que nos conformaramos con que na cultura do carbonato cálcico a marca Rías Galegas, unha marca con pouco produto, dera para comer. Porque só así se entende que apenas colleitemos tres mil toneladas de ameixas cando ao mercado chegan trinta mil que veñen de fóra. Ou que mentres non damos solución ás toxinas do mexillón, no que a teñen, incemos os nosos mercados de chorito chileno. Ou asistamos estáticos ao devalo dos bancos de berberecho onde as colleitas na Arousa desapareceron estes últimos anos, cunha fatalidade que o prezo do escaseo non compensa. E sen poñer remedio á introdución descontrolada de bivalvos, ben nas praias, ben nas depuradoras, que propagan as súas enfermidades e estrágannos o noso mar.

O mar da Curota é aquel que, pola xenerosidade do Isaac Díaz Pardo, hai máis de trinta anos un fato de científicos discutiron e falaron por darlle remedio. Con vontade e pouco éxito. Malia elo, se poden, coñezan o mar da Curota. E non pensen na lei.